Whatsapp tamén foi protagonista do Mobile World Congress de Barcelona; acaba de ser mercada por Facebook por 19.000 millóns de euros. Algúns preguntarédesvos porque está este post no medio doutras guías prácticas de redes sociais. Whatsapp é unha rede social? Ao final do post poderedes comentar se estades dacordo con nós ou non.
Como eles mesmos din, “WhatsApp Messenger é unha aplicación de mensaxería multiplataforma que che permite enviar e recibir mensaxes sen pagar por SMS”. Podemos intercambiar mensaxes, fotos, vídeos, sons, localizacións e contactos con outros usuarios ou grupos de usuarios. Está dispoñible para iPhone, Android, BlackBerry, Windows Phone e Nokia.
Ademais de aplicación de mensaxería instantánea, é unha rede social? Juan Merodio, experto en marketing, explica no seu blog porque cre que si. Se unha rede social é un ámbito onde interactuar con outras persoas cun perfil de usuario definido e de distintas maneiras, Whatsapp cúmpleo porque utilizámola como ferramenta de mensaxería e para compartir fotos, vídeos, mensaxes de voz, etc. Ademais poñemos unha foto de perfil, unha frase de estado e, entre outras cousas, cada vez son máis as empresas que a empregan como ferramenta de marketing.
Un dos segredos do éxito de Whatsapp é que non ten publicidade. Pero, por que non vende publicidade? E, sobre todo, como se financia?
Se entrades na web de Whatsapp, veredes que como boa app móbil teñen unha páxina web moi sinxela onde adican un espazo importante a explicar por que non venden publicidade. Jan Koum (fundador da marca xunta a Brian Acton) explica que “querían crear un servizo que a xente quixera usar porque lles aforraría cartos e melloraría as súas vidas dalgunha maneira”. Que sabían que poderían cobrar directamente se conseguían iso.
Dito e feito; primeiro foi unha app gratuíta pero agora xa cobran: 1 $ ao ano. Demasiado pouco? Aínda pensades que venden os vosos datos a outras empresas?
A resposta á pregunta como se financia é: 450 millóns de usuarios activos. Hai moitos inversores dispostos a investir nunha empresa que medra ao ritmo de Whatsapp. Só quedaba agardar ao día no que alguén pagase por ela 19.000 millóns de euros para recuperar o investimento e recoller as ganancias. Para Facebook esa comunidade ten un valor moi alto. Que pensades que poden facer con nós no futuro? Se investigades un pouco leredes que, por exemplo, Facebook podería aproveitar Whatsapp para distribuír e vender outras apps móbiles. Pero só son rumores. Que pensades?


