Mañá celébrase o Día Mundial de Internet. En Xente Dixital preguntámonos antes que é, por que se celebra ou como se pode participar.
Celebrouse en España por primeira vez en outubro do 2005, a iniciativa da Asociación de Usuarios de Internet. Na primeira edición organizáronse 534 eventos por toda España e máis de 200 entidades públicas e privadas suscribiron a Declaración de Principios para construír a Sociedade da Información.
En novembro do 2005, pediuse á Asemblea Xeral das Nacións Unidas que declarara o 17 de maio como Día Mundial da Sociedade da Información para promover a importancia das TIC.
O Día de Internet é un proxecto na rede aberto á participación voluntaria e gratuíta de todos, que busca dar a coñecer as posibilidades das novas tecnoloxías para mellorar o nivel de vida da poboación. Un dos aspectos claves é a liberdade de cada colectivo para decidir que fai, como e a quen dirixe as súas actuacións.
Xorde para impulsar e favorecer o acceso á Sociedade da Información aos non conectados e ás persoas discapacitadas. Como se pode participar? En diadeinternet.org atoparás toda a información para formar parte da celebración: novas, información de eventos, etc. Ademais invítase a empresas, administracións e organizacións de calquera tipo e tamaño a organizar actividades para promover o Día de Internet. Por último, pódese participar como comunicador; o logo do medio aparecerá na web oficial a cambio de difundir información relacionada.
Día de Internet en Galicia
Hoxe ás 11 na Cidade da Cultura PuntoGal celebrará un acto para informar sobre as fases de lanzamento do dominio .gal. Darase información de prazos, prezos e requisitos. A primeira páxina web creada baixo o dominio .gal recollerá toda esta información e será activada no transcurso do evento polo presidente da Xunta de Galicia. Ademais participarán Manuel González González, presidente de PuntoGal, e Xosé Antonio Gómez Segade, Catedrático de Dereito da USC.


