A seguridade informática sempre é materia de interese para todos aqueles que teñen inquedanzas informáticas. Hoxe en Xente Dixital repasamos cales son foron as peores ameazas informáticas en forma de virus
Un virus informático é un programa que ten un obxectivo malicioso: trata de infectar un ordenador sen o permiso ou coñecemento do usuario. Hai virus máis perigosos e outros menos perigosos, algúns teñen por obxecto gastar unha broma e outros poden bloquear equipos ou mesmo estragar computadoras.
A primeira vez que se empregou un virus foi en 1972. Cabe destacar que, ao tempo que nace o primeiro virus, tamén o fai (posteriormente) o antivirus, ou programa que anula ou contrarresta ao virus. Con todo, o termo “virus informático” non se empregou ata 1984, ano no que comezan a proliferar.
Algúns dos peores virus informáticos da historia
Melissa: apareceu en 1999 e desactivaba opcións de Word e modificaba os documentos que se utilizaban. Tivo unha propagación excepcionalmente rápida xa que se enviaba automaticamente aos primeiros contactos da libreta de direccións do xestor de correo.
Este virus enviábase por correo electrónico cunha mensaxe que puña “aquí está o documento que me pediches, non llo amoses a ninguén máis”. Como se recibía dun contacto supostamente seguro, moitos confiaron neste correo que se reenviaba a 50 novos equipos cada vez que se abría
I love you (ano 2000) Quen non picaría se no asunto do correo ou no arquivo adxunto aparece un arquivo con ese nome? A nosa curiosidade como humanos foi a principal baza deste virus, que se propagou con certa gravidade, por correo electrónico (coma o virus anterior). O virus eliminaba o contido de diferentes arquivos, coma fotografías ou cancións.
Blaster (ano 2003) afectou a milleiros de computadoras que executaban Windows XP e Windows 2000, convertendo que as computadoras afectadas formasen parte dunha rede de “ordenadores zombie” para facer ataques a sitios web.
Sasser (ano 2004). Aproveitando un buraco na seguridade de Windows, este virus executábase ao conectarse a internet e apagaba o equipo en 60 segundos, o que complicaba a tarefa de detección e saneamento do equipo. Foi programado por un mozo de 17 anos.
MyDoom (ano 2004) chegou a ser, no seu día, o virus máis estendido do planeta. As empresas de antivirus calcularon que, en España, case un de cada sete e-mails que circularon no momento de máxima infección contiñan este perigoso e veloz virus.
Como protexerse dos virus
A primeira regra básica é empregar un antivirus para o teu computador. Telos gratuítos, e é un tema que tratamos a miúdo en Xente Dixital
Actualiza o antivirus. Polo menos dúas veces ao mes, xa que de nada serve un antivirus… que non recoñece os novos virus!
Outra regra a seguir é manter o sistema operativo actualizado. As actualizacións e parches están enfocados directamente á seguridade dos equipos.
Emprega o sentido común. Se reciben un e-mail extraño, ou se ven dunha persoa que coñeces pero que che escribe noutra lingua ou fala de asuntos dos que desconfías… non abras o correo!
E se non emprego windows?
Por desgraza, empregar outros equipos como Mac non son garantía contra os virus. Tamén existen antivirus para estes equipos, incluso gratuítos, porque ao aumentar a súa cota de mercado, tamén aumenta o interese dos hackers por atacar estes equipos


