O venres pasado entrevistabamos a Pablo Gajino, CEO de Possible e un dos responsables de Garagapp, un dos proxectos que se está a desenvolver en Galicia Open Future. O día 5 de febreiro celebrarase unha sesión demostradora da aplicación no Centro Demostrador TIC que poderá seguirse por streaming.
Pablo contábanos que “Garagapp sirve para abrir portas automáticas dende o móbil. É un conxunto de receptor máis app móbil que permite ter infinitos mandos no smartphone. As súas vantaxes son que funciona para calquera teléfono e os mandos e chaves seguen funcionando normalmente”. Ademais engadía que é unha aplicación segura que funciona cun sistema encriptado de comunicacións que impide piratear a app e abrir as portas.
Os asistentes poderán coñecer o funcionamento da aplicación ou as necesidades de cara á súa distribución. A sesión está destinada, sobre todo, a administradores de fincas, instaladores de portas e sistemas de apertura automática, construtores ou promotores urbanísticos e empresas.
Garagapp é un dos proxectos que está a participar na primeira convocatoria de Galicia Open Future. Traballar no Crowdworking O Gaiás permitiulles, por exemplo, “conseguir un contrato con Wireless Logic e Teléfonica M2M para dotar as instalacións de Garagapp dunhas tarxetas de comunicacións profesionais”.
A asistencia á sesión demostradora é gratuíta. Só é necesario inscribirse na páxina web do CDTIC. Para os que non poidades asistir, podedes seguir a sesión por streaming.


