Despois de darvos algúns consellos para promocionar o voso negocio en Facebook, Twitter, Google + e Linkedin, na guía práctica de hoxe dámosvos algunhas claves para tirar proveito da canle de Youtube da vosa empresa.
Da páxina de Google + á canle de Youtube
Tedes páxina de Google + da vosa empresa? Senón podedes botar un ollo á guía práctica que compartimos en Xente Dixital. Despois de crear unha páxina asociada á vosa conta de gmail, Youtube preguntaravos se queredes interactuar nesta rede social co voso perfil persoal ou co do voso negocio. Subir vídeos á canle asociada á vosa páxina de Google + axudaravos a posicionar a empresa en Google.
Os vídeos
Hai pouco falabámosvos de SEO, de como mellorar o posicionamento do voso negocio na rede. En Youtube, como na páxina web ou no blog corporativo, cómpre coidar título, descrición do vídeo, e etiquetas, escoller as palabras clave que van a contribuír ao posicionamento do vídeo.
Dende Youtube ata as redes sociais pasando pola páxina web
Cando subimos un vídeo a Youtube temos que coidar a calidade do vídeo, o título, a descrición…, para que consiga o maior número posible de likes e comentarios. Pero Youtube permítenos, sobre todo, compartir contido de calidade nas páxinas de redes sociais ou no blog da empresa, por exemplo. Se actualizamos a canle de Youtube con frecuencia conseguiremos unha comunidade crecente en redes sociais (Youtube incluída), máis visitas á web e un mellor posicionamento para a empresa na rede.
Os anuncios de vídeo
En Xente Dixital xa vos falamos de AdWords (os anuncios de Google) e volveremos a facelo. Os vídeos de Youtube tamén podedes empregalos para os vosos anuncios. Google dános incluso unha guía práctica para crear un bo anuncio. Despois hai que crear unha conta en AdWords e publicar o anuncio de vídeo escollendo antes a quen queremos chegar e canto queremos gastar.


