En Xente Dixital xa repasamos os conceptos básicos de Twitter. A recomendación para hoxe é tirar proveito desta rede social para a comunicación e promoción de calquera empresa. Podemos falar cos nosos clientes en Twitter? Como? Podemos medilo? Atendemos a 5 cuestións fundamentais para a xestión de Twitter nunha empresa.
1. Segmentación para conectar coas persoas correctas. Temos que dirixir os tuits aos usuarios interesados na nosa marca. Que tipo de información compartimos? A que hora? Podemos empregar os hashtags para subliñar o tema sobre o que estamos a tuitear; #xentedixital por exemplo.
Por outra banda, tamén podemos invertir nos anuncios de Twitter; tuits dirixidos aos nosos clientes que podemos segmentar por intereses, ubicación xeográfica, xéneros e usuarios similares aos seguidores existentes.
2. Cuestión de escoitar. Di Twitter que a fórmula máxica é: 100 % escoita, 55 % tuitea. En Twitter hai 230 millóns de usuarios que escriben 500 millóns de tuits ao día; no buscador de Twitter ou a través de ferramentas como Hootsuite ou Tweetdeck é doado atopar aos usuarios interesados nun tema ou nun lugar.
3. Medición e análise. Temos que controlar o aumento do número de seguidores, os retuits, as mencións, etc. Se invertimos en anuncios de Twitter podemos acceder a paneis de análise con datos útiles sobre a nosa actividade nesta rede social. Ademais hai alternativas como Klout que nos axudan a saber se resultamos interesantes para os nosos seguidores.
4. Ferramentas de marketing. Sabiades que podedes incrustar un tuit na vosa web ou blog? É unha opción interesante para dar aínda máis difusión ás mensaxes que máis chamaron a atención. Ademais seguro que vistes os widgets de Twitter que podedes poñer na vosa web para mantela actualizada con contido en tempo real; ao lado debe haber un botón de seguir para facilitar o crecemento da comunidade.
5. Tácticas de promoción. “Só” contamos con 140 caracteres, os enlaces, as fotos, os vídeos e os hashtags. Pero dentro deses 140 caracteres collen distintas tácticas de promoción; Twitter é perfecta para a celebración e o seguemento de eventos ou para o lanzamento de produtos.
Non esquezas que…
… sempre é boa idea botar un ollo á política de privacidade. E máis se se trata de datos e información da nosa empresa. Como recollen e usan a información? En que casos revelan os nosos datos persoais?



