Cando escribimos para internet, nun blog ou nunha páxina web, o obxectivo é sempre o mesmo: chegar ao maior número de usuarios posible. Para iso cómpre ter en conta algunhas cousas e incorporar certas rutinas. Ao final do post podedes engadir os vosos propios consellos.
- Canle interactiva. Na rede, os usuarios non son receptores pasivos. Interactúan co noso texto facendo clic nunha ligazón que incluímos ou fan as súas propias buscas para saber máis sobre o tema. Incluso poden facer un comentario ao final dun post para corrixirnos ou para facer algunha aportación. Animádesvos? O importante é saber que escribimos para usuarios rodeados de información e que o noso obxectivo é que nos lean e interactúen con nós.
- Un mesmo contido para distintas páxinas e dispositivos. Cando se publica nun blog, ese contido pode empregarse, por exemplo, para actualizar as páxinas de redes sociais. Pode que se sodes “demasiado orixinais” no titular ou se empregades unha primeira frase pouco clara, os usuarios non cheguen ao blog dende as redes sociais. Por outra banda, pensade en contido apto para ser consumido nunha pantalla de 27 pulgadas ou nun móbil de 4, no sofá da casa ou camiño do traballo no autobús. Como crear o contido perfecto para todas as páxinas e dispositivos? Non existe. Pero hai algunhas claves que convén anotar e que vos contamos nos dous últimos parágrafos.
- A contorna. Non é doado destacar na rede cando nos bombardean e temos acceso a tanta información. Non obstante, como sempre vos dicimos, se o obxectivo é posicionar a vosa empresa en internet, seguro que tedes unha oportunidade de destacar entre a competencia porque, aínda que non o pareza, estamos ao principio do camiño. Trátase de ser orixinais, de escribir pensando nos usuarios aos que nos diriximos e de empregar correctamente ferramentas como as redes sociais.
- Os textos. Que debe conter un texto que publicamos nun blog? Palabras clave, palabras e expresións que nos axuden a posicionar. Pero non esquezades que é máis importante que o texto sexa comprensible e a lectura resulte fluída, que que incluades todas as keywords que se vos ocorran. Tamén convén empregar negriñas que facilitan a lectura (os lectores online contan con moi pouco tempo) e ligazóns que enriquezan a experiencia do lector e contribúan a aparecer máis arriba nos resultados de busca. Se eu escribo sobre como escribir para a web podería, por exemplo, enlazar ao libro de Mario Tascon Escribir en Internet.
- O estilo. Se tedes un blog literario e non vos importa que vos cheguen máis ou menos visitas, empregade o estilo que máis vos preste. Se tedes o obxectivo de chegar a moita xente é obrigatorio empregar un estilo moi claro. Debe ser un texto comprensible (facede a proba de ensinarllo a alguén da vosa contorna antes de publicalo) e ben estruturado; podedes empregar subtítulos cunha tipografía ou cun tamaño de fonte diferentes. Por último, pensade no que queredes comunicar ou vender pero, sobre todo, pensade nos usuarios aos que vos dirixides. Se o pensades ben non é o mesmo; antes de escribir preguntádevos como vos buscarían na rede.



Pingback: Guía práctica | Claves para crear contido viral na rede - Xente Dixital