Guía práctica | 7 consellos para protexer os teus dispositivos móbiles

Patron desbloqueo

Os nosos dispositivos móbiles conteñen cada vez máis información persoal: fotos, vídeos ou datos bancarios memorizados para facer compras a través dos móbiles ou das tablets. Que podemos facer para garantir a nosa privacidade?

  1. Bloquea o dispositivo. Pode resultar molesto introducir o código PIN ou o patrón de desbloqueo cada vez que queremos usar o móbil pero, pensache que é a única barreira para evitar o seu uso por parte de terceiros? É unha precaución básica para evitar males maiores en caso de roubo.
  2. Anota o IMEI. Cal é o código IMEI do teu móbil? Necesítalo para bloquear o terminal se cho rouban. Adoita estar debaixo da batería aínda que podes averigualo tecleando *#06#.
  3. Baixa aplicacións de fontes fiables. A maioría instalamos aplicacións da Google Play ou da Apple Store, por exemplo, pero existen infinidade de sitios dos que podemos descargar aplicacións para os nosos dispositivos móbiles. Non convén descargar apps de plataformas pouco coñecidas. Coidado coas ligazóns de correos de remitentes que non coñeces ou coas ventás emerxentes que aparecen cando navegamos no móbil.
  4. Instala un antivirus. Coma no ordenador, seguro que escoitache falar dos antivirus para móbiles. Pero ao contrario do que ocorre cos ordenadores, son poucos os usuarios concienciados da importancia de instalar un antivirus no móbil e na tablet. Hai virus creados para estes dispositivos nos que temos a mesma información persoal ou máis que nun ordenador.
  5. Crea copias de seguridade. Non é a primeira vez que ignoras a notificación que te invita a facer unha copia de seguridade do contido do teu móbil. Revisa os axustes do teléfono, non é difícil facer unha copia de seguridade de contactos, fotos, vídeos… Só che levará uns minutos. No caso de perder o móbil podes recuperar e descargar esa información con facilidade.
  6. Coidado coas redes wifi públicas. É moi cómodo conectarse a redes wifi públicas para navegar a maior velocidade ou para non consumir os datos contratados coa nosa operadora, pero temos que ter coidado e facelo só cando sexa necesario e nunca para conectarnos a páxinas nas que usemos os nosos datos persoais ou bancarios. O roubo de información persoal prodúcese moitas veces a través deste tipo de redes.
  7. Actualiza o sistema operativo. Outro dos avisos aos que deberiamos facerlles máis caso. Moitas veces as actualizacións están relacionadas con melloras para a seguridade dos dispositivos.

Fonte: ticsyformacion.com.

 

1 comentario

  1. Pingback: Guía práctica | 5 consellos para navegar con seguridade - Xente Dixital

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.