Tes algo na casa que non empregas? Pois véndeo por internet. Precisas algunha cousa que non che importa mercar de segunda man? Internet é un excelente bazar para compras ou trocos.
Achegámosche catro opcións para mercar ou vender as túas cousas en liña:
Wallapop: o principal atractivo desta aplicación é a xeolocalización. Dado que a aplicación móbil é o seu forte (as outras dúas apps teñen versión web con moitos usuarios) aproveita o factor diferencial dos terminais móbiles: a xeolocalización e a mobilidade.
Os resultados da procura agrúpanse en función da distancia dos mesmos con respecto á persoa que os busca, e contactar cos vendedores é realmente sinxelo: podes facer unha contra oferta ou abrirlle un chat privado para negociar o prezo ou o envío do produto.
Milanuncios: É o principal sitio web de compra-venta en España, e tamén ten aplicación para teléfonos móbiles. A súa gran vantaxe é a enorme cantidade de usuarios que a empregan a diario.
Ebay: posiblemente sexa o decano da compravenda en liña. O popular sitio electrónico de subhastas tamén ten aplicación para móbiles, e proporciona acceso ás diferentes categorías habituais: procuras, navegación por categorías, información pormenorizada do produto… a vantaxe da aplicación móbil consiste no sistema de alertas e notificacións “push” personalizables. Así estarás sempre ao tanto do produto que queres mercar.
Vibbo (antes, segundamano). É outra das webs de referencia do sector dos clasificados en España. Aínda que non utiliza xeolocalización, posúe unha boa cantidade de filtros (incluíndo localidades, para amosar produtos nunha determinada área) que facilitan a maneira en que se definen as procuras.
Ante todo, un consello: sentido común, sobre todo á hora de mercar. Desconfía dos anuncios mal escritos e dos prezos especialmente baixos.

