Plataforma sinxela, que funciona ben, na que podedes dispoñer de centos de deseños moi atractivos e gratuíta. MailChimp é unha das mellores opcións se queredes enviar unha newsletter. A modo de introdución hoxe falarémosvos de listas, campañas e informes. É máis doado do que parece.
Xestionar unha lista
Máis alá do boletín dixital, o importante é a lista de contactos, subscritores, aos que llo enviamos. Unha vez configurada a lista podemos engadir subscritores de tres maneiras: pegando ou escribindo a información de contacto, subíndoos dende unha folla de cálculo ou importándoos dende a túa base de datos do CRM.
Por outra banda, se aínda non contas con ningún subscritor, MailChimp xera automaticamente un formulario de subscrición que podedes publicar na web ou na páxina de Facebook.
Construír unha campaña
MailChimp guíanos paso a paso na construción dunha campaña. Temos que escoller un deseño acorde á nosa temática e poderemos personalizar a plantilla sen necesidade de coñecementos de HTML. Pódese engadir, mover e editar os bloques de contido con facilidade. E podemos gardar o deseño creado para futuras campañas. Atentos ás nosas guías prácticas porque pronto revisaremos xuntos as distintas opcións de configuración das campañas de MailChimp.
Os informes
Non serve de nada enviar unha newsletter se non controlamos os resultados. O seguemento de visitas e clics proporciónanos información sobre cantas persoas viron a mensaxe, que ligazóns abriron ou incluso a súa localización. Incluso se pode vincular a conta de Google Analytics ou integrar a plataforma de correo ou a base de datos do CRM.


