Tumblr é unha plataforma para crear microblogs sociais onde podemos publicar textos, imaxes, vídeos, arquivos de audio, etc. E seguir aos usuarios ou blogs que máis nos interesen. Facemos un percorrido polas principais seccións de Tumblr. O primeiro paso, coma sempre, rexistrarse.
Escritorio
O primeiro que nos chama a atención é o menú superior onde escollemos o tipo de actualización que queremos facer: texto, foto, cita, enlace, chat, arquivo de audio ou vídeo. Podemos programar as publicacións e gardalas como borrador.
Debaixo aparecen ordenadas por orde cronolóxica as actualizacións dos usuarios aos que seguimos. Podemos indicar que nos gusta unha actualización ou reblogueala, compartila cos nosos seguidores.
Configuración
Como xa imaxinades, aquí editades a información de correo electrónico e contrasinal. Tamén decidides, entre outras cousas, se queredes ver as fotos a tamaño completo, e se queredes compartir cos vosos seguidores que publicacións vos gustan.
Tendes a posibilidade (que non a obriga) de vincular o voso Tumblr coas contas de Facebook e Twitter. Por último, pódese acceder á lista de aplicacións que vinculamos con Tumblr e que nos permiten ampliar o número de funcionalidades.
Non esquezas que…
… como en calquera rede social, convén coidar o contido que subimos e compartimos. Tumblr ofrécenos ademais a posibilidade de indicar a fonte da información que estamos compartindo.
A semana pasada dabámosvos algúns consellos para protexerse en redes sociais; adicádelle un minuto a coñecer a política de privacidade de Tumblr e a saber que fan cos nosos datos persoais.



