Coñecedes os códigos QR e os códigos BIDI? Son o mesmo? En que se diferencian? Un código QR é un sistema de codificación bidimensional, unha especie de código de barras en dúas dimensións, que permite almacenar gran cantidade de información en forma de imaxes, texto, vídeo, ligazóns á web, etc.
Para ler un código QR tedes que descargar nun smartphone ou tableta algunha das aplicacións que permiten a lectura deste tipo de código. Despois de abrir a aplicación chega con ler o código a través da cámara do móbil e ao instante aparecerá a información que contén.
Ademais dos QR, seguro que escoitastes falar dos códigos BIDI. En que se diferencian?
- Un BIDI xérase cun algoritmo pechado, privado e de pago, mentres que os QR son un estándar internacional de código aberto e de libre uso.
- Para crear e ler un QR podemos atopar moitas aplicacións gratuítas. BIDI é un código pechado que hai que pagar para xerar.
- Os códigos QR almacenan máis información que os BIDI.
- Sabedes como diferencialos? Un QR ten 3 cadrados grandes en 3 das súas esquinas pero os BIDI carecen deles.
Os códigos QR estiveron moi de moda hai un tempo pero a realidade é que se usan pouco máis que para dar sensación de modernidade por parte dunha empresa. Somos poucos os que sacamos o móbil para ler un destes códigos. Aínda así, poden ser útiles se podemos enganchar aos usuarios cunha promoción, por exemplo. Ou nun museo se queremos ofrecer información extra aos visitantes. Ocórresevos algunha outra utilidade?
Fonte: grupodw.es.


