Imos a deternos un chisco a falar sobre o Whatsapp. É a aplicación de mensaxería instantánea máis empregada do mundo, así que que é posible que a coñezas e a teñas instalada no teu teléfono móbil. Respondemos a algunhas preguntas que che poden resultar útiles.
Como fago chamadas dende o WhatsApp?
Cando accedes a un contacto dentro da aplicación, na esquina superior dereita tes o avatar do usuario e, ao seu carón, o botón de chamada. Ten ollo, porque están moi xuntos, e resulta sinxelo premer o botón de chamada cando queres ampliar a imaxe de contacto!
Ademais, as chamadas de WhatsApp son instantáneas; así como premes chamar, do outro lado do teu contacto está a soar o móbil
Mellor wifi ou móbil?
A conexión adoita ser máis estable por wifi, se ben WhatsApp non consome moitos datos no teléfono móbil (salvo chamadas ou arquivos multimedia).
É gratuíto?
Agora si. En xaneiro de 2015 anunciaron que WhatsApp sería de balde para todos os usuarios e usuarias da plataforma. De por vida. Anteriormente era de pago para usuario de iPhone ao descargar a app, e de balde durante un tempo limitado (xeralmente un ano) para os usuarios de android).
Que tipo de arquivos podo mandar por WhatsApp?
Non se pode enviar todo tipo de arquivos dende o WhatsApp. Esta ferramenta está aberta a compartir arquivos multimedia (imaxes, audios ou vídeos) pero non podedes enviar – alomenos polo de agora – outros arquivos comúns como PDF.
So se pode empregar no móbil?
Si e non. Imos tentar explicar esta resposta. WhatsApp xa se pode empregar nunha computadora a través do enderezo https://web.whatsapp.com/, pero para empregar a versión web é imprescindible telo instalado no móbil, telo prendido e ligar o navegador do escritorio co WhatsApp do smartphone a través dun código QR.
Dito isto, si, pode empregarse en máis dispositivos que no móbil, pero tendo o móbil conectado (unha solución inferior á da competencia, pola dependencia do teléfono).
Como sei cando leron a mensaxe que enviei?
Houbo forte polémica no pasado por este tema, pero a configuración por defecto agora xa é clara e concisa, e non deixa lugar a dúbidas:
- Un reloxo gris: a túa mensaxe non foi enviada por problemas de rede.
- Un check gris: a túa mensaxe foi enviada polo teu dispositivo pero non foi recibida polo destinatario (porque non tiña rede, ou tiña o seu dispositivo apagado ou en modo avión).
- Dobre check gris: a mensaxe foi entregada con éxito no dispositivo, pero non foi lida.
- Dobre check azul: a mensaxe foi entregada, e si que foi lida polo destinatario.
E nun chat de grupo, como o sei?
Preme na túa mensaxe enviada e, no menú contextual que xorde, fai clic en “+ info”. Así poderás ver quen recibiu a mensaxe e quen a leu. Ollo, so é válido para as mensaxes que ti envías.
Podes consultar o que temos publicado no blog sobre WhatsApp.
Hai algo máis que queiras saber? Escríbenos un comentario ou déixanos unha mensaxe na caixa de correo do blog!





