Guía práctica | Myspace

myspace

Myspace ten hoxe moi pouco que ver coa rede social inaugurada por Tom Anderson no 2003. No 2011 pasaba a mans da empresa Specific Media LCC e do cantante Justin Timberlake. Segue a ser unha rede social destinada a calquera que queira darse a coñecer no mundo da música pero, dende a última renovación, conta cun deseño moito máis visual e sinxelo. Vemos, paso a paso, como empregar o novo Myspace.

  1. Rexistrarse. Podemos rexistrarnos de 3 maneiras distintas: cos datos da conta de Facebook, cos da conta de Twitter, ou co noso nome de usuario e contrasinal de sempre, se aínda o lembramos. O primeiro paso é indicar se somos músicos, actores, bailaríns, cómicos, etc.
  2. Perfil. Dentro do perfil destaca unha foto de portada que ocupa toda a páxina. Á esquerda da portada hai un espazo reservado para a foto de perfil e enlaces ás distintas seccións de Myspace. Á dereita podemos ver a biografía, parecida á de Twitter. Chama a atención que a navegación, ao contrario que en Facebook e Twitter, é horizontal e non vertical; se nos desprazamos á dereita podemos ver as últimas actualizacións dos usuarios cos que estamos conectados.
  3. Conectar. Para conectar con alguén que nos interese chega con buscalo e facer clic na icona das argolas. Así recibiremos as súas actualizacións. Se esa persoa conecta tamén con nós estaremos interconectados e poderemos compartir máis información: álbums, cancións, etc.
  4. Reproductor. Ten un espazo reservado na parte baixa da páxina de inicio. Podemos arrastrar aquí a música ou o vídeo que queremos reproducir ou crear unha lista de reprodución. Tamén podemos enviar contido interesante nunha mensaxe a algún dos nosos contactos.
  5. Publicacións. Podemos compartir cos nosos contactos unha mensaxe, unha foto ou un vídeo. Ademais, Myspace danos a posibilidade de compartir a publicación nas páxinas de Facebook e Twitter.

Non esquezas que…

… en Myspace, ademais do deseño, cambiou a política de privacidade. Botádelle un ollo para saber que fan coa información que compartides nesta rede social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.