Se a semana pasada repasabamos os consellos que Google dá aos adolescentes para navegar pola súa rede social, hoxe botamos un ollo ás recomendacións que fai aos pais. Como teñen que relacionarse con Google+? En que teñen que fixarse na configuración de privacidade? Que consellos deben dar aos seus fillos?
Google explica, en primeiro lugar, como relacionarse en Google+. Xa sabes como rexistrarte e completar ou editar a información de perfil. O que nos interesa hoxe é deternos nalgunhas das suxestións para pais, para que saibas se os teus fillos se están comportando correctamente na rede e se tes motivos para preocuparte. Podedes comezar por revisar xuntos a información de perfil e a quen lle dan acceso dentro dos seus círculos.
En canto á configuración de privacidade, Google incorporou axustes predeterminados especiais para adolescentes. Poden anulalos pero falade con eles sobre os motivos polos que cómpre coidar que información compartimos. Isto inclúe configurar o uso compartido do perfil a “os meus círculos” para información como sexo, presentación, profesión, emprego, educación, lugares nos que se viviu, ligazóns, buscas, etc. A información que se configura de maneira predeterminada en “Só eu” inclúe información sobre enderezo, información de contacto do traballo e data de nacemento. Facede clic no voso nome na esquina superior e seleccionade “privacidade” para cambiar a configuración.
Por último, podedes consultar máis información dos partners de Google. Atoparedes consellos para evitar o acoso, xogar online ou sobre como axudar a adolescentes. Ou descargar unha Guía de Google+ para pais.


