As páxinas de Google + proporcionan ás empresas, marcas, organizacións, etc., unha identidade pública e presenza en Google +. Existen 5 categorías:
- Produto ou marca
- Empresa, institución ou organización
- Negocio local
- Artes, entretemento ou deportes
- Outros
As páxinas son moi similares aos perfís de Google +; podemos engadir persoas aos círculos, editar o perfil, compartir o contido que queiramos, facer +1 en comentarios e fotos e crear e participar en hangouts.
Para crear unha páxina temos que ir ao menú principal da nosa páxina de Google + e facer clic en Páxinas e en Crear páxina nova. Só queda escoller a categoría que mellor se adapte aos nosos intereses.
Unha vez creada completaremos a información de perfil: introdución, datos de contacto, sitio web, etc. Sabedes como promocionar unha páxina de Google +? Google recomenda actualizala con frecuencia, enlazar a páxina web coa de Google +, engadir a insignia de Google + ao sitio web, etc.
As páxinas locais de Google +
Aínda que estabades a punto de escoller outra categoría, é probable que teñades que facer clic en negocio local; as páxinas locais conectan aos clientes coa ubicación física do negocio. Inclúen un mapa coa ubicación da empresa, o enderezo, o número de teléfono e o horario de apertura. Se, por exemplo, tendes unha tenda de roupa, non fagades clic en “produto ou marca” (aínda que a primeira palabra da descrición da categoría sexa “roupa”) se queredes que alguén vos atope.
O último paso da configuración das páxinas locais é a verificación do enderezo do negocio. Google ten que verificar que somos nós os que rexistramos a información da nosa empresa. Por teléfono ou correo postal, envíannos un PIN que teremos que introducir para completar o proceso. A partir dese momento apareceremos nos mapas e nas buscas de Google.
Non esquezas que…
… Google permite controlar a privacidade das páxinas. Podemos controlar a visibilidade da información de perfil ou escoller con quen compartir contido. Tamén podemos ignorar e bloquear persoas coas que queiramos limitar a interacción.



