Levamos uns cantos posts falándovos dalgunhas plataformas para crear o voso blog como Blogger, Tumblr ou WordPress. No último compartiamos as 7 diferenzas entre wordpress.com e wordpress.org. Para traballar con wordpress.org necesitades adquirir algúns coñecementos técnicos ao alcance de calquera usuario. Comezamos repasando algúns conceptos básicos. Na próxima guía práctica atreverémonos a instalar un blog en wordpress.org.
Rexistrar o dominio
O primeiro paso é escoller o noso “nome” na rede. E a extensión: .com, .es, .org, etc. Pronto poderemos usar o dominio .gal. Na rede podedes atopar moitas empresas que vos permitan rexistrar un dominio ou que ofrezan servizos de hosting (o servidor no que aloxamos o blog).
Debemos escoller un nome sinxelo, que sexa doado de atopar para os usuarios. Se queredes posicionar a vosa empresa, antes de escoller o dominio botade un ollo á competencia na rede.
O servidor
Non podemos instalar un blog en wordpress.org sen un hosting. Antes de contratalo asegurádevos de que é compatible con WordPress. Teñen que darvos acceso ao panel de control do servidor, información para crear as contas de correo electrónico asociadas ao dominio (info@ovosoblog.com, por exemplo) e o acceso FTP ao servidor. Que é iso? Vémolo unhas liñas máis abaixo.
Tende en conta que podedes contratar algúns provedores de hosting galegos que vos van axudar a resolver as dúbidas e os problemas que van a xurdir.
O FTP
FTP é o acrónimo de protocolo de transferencia de ficheiros (File Transfer Protocol). É a maneira de conectar o noso ordenador co servidor no que imos aloxar o blog. Para instalar os arquivos dos que vos falaremos na próxima guía práctica podemos, por exemplo, empregar programas ou clientes FTP como FileZilla. É un complemento que temos que instalar no noso navegador (veredes que o proceso de descarga e instalación é moi sinxelo) e onde deberemos introducir os datos de acceso FTP que atoparemos no panel de control do servidor. É máis sinxelo do que parece.
Fonte Aula CM.


