Ata agora, na lista de guías prácticas de redes sociais de Xente Dixital podiades atopar manuais de redes sociais nas que compartir información, fotos e vídeos de distinta maneira, entre amigos ou contactos, ou para a promoción do voso negocio. Pero aínda non vos falaramos das redes sociais temáticas: sitio web no que compartir información con outros usuarios sobre un tema en concreto. O primeiro exemplo que vos poñemos é Tripadvisor, “a maior web de viaxes do mundo”.
Tripadvisor “proporciona consellos fiables de viaxeiros reais e unha ampla variedade de opcións e funcións de planificación con enlaces directos ás ferramentas de reserva”. 260 millóns de visitantes únicos ao mes e 150 millóns de opinións e comentarios, fan que sexa máis doado escoller restaurante, hotel ou viaxe.
Hoteis, restaurantes e alugueres
Tendes acceso a información de hoteis, restaurantes e alugueres vacacionais de case calquera lugar do mundo. Podedes facer buscas sinxelas por lugar, tipo de establecemento e data, e ordear os resultados por prezo ou clasificación (opinión dos usuarios).
Voos
Podedes buscar a mellor oferta de voo sen saír de Tripadvisor. A páxina bótanos unha man buscando voos para o destino e nas datas que seleccionemos nas webs das compañías aéreas e nas de venta de viaxes (eDreams, Atrapalo, etc.).
O mellor do 2014
Cales son os mellores hoteis, praias e illas para visitar no mundo? Os rankings Tripadvisor son unha referencia dentro do mundo do turismo e das viaxes. Clasificacións baseadas en millóns de opinións. Ademais podemos seleccionar os criterios xeográficos que máis nos interesen.
Que amigos de Facebook están en Tripadvisor? A onde viaxaron e que opinan dos sitios que visitaron? As opinións doutros usuarios axúdannos a tomar unha decisión de compra; as dos nosos amigos achégannos moito á pasarela de pago.
Máis
Que che gusta? A onde queres ir? Se andades escasos de inspiración Tripadvisor bótavos unha man para decidir que viaxe facer. Se non quedastes convencidos podedes facer clic no foro de viaxes e conversar con outros viaxeiros sobre o voso destino de interese.
Non esquezas que…
… Tripadvisor é unha rede social que manexa datos persoais dos seus usuarios. Que como sempre vos aconsellamos, cómpre coidar que información compartimos. Que información recompilan de usuarios rexistrados e non rexistrados? Como usan a información persoal que recollen? Paga a pena botarlle un ollo á política de privacidade.




Pingback: Guía práctica | Tripadvisor para empresas - Xente Dixital