En Xente Dixital defendemos o uso das TIC para a comunicación da vosa empresa e para a promoción dos seus produtos e servizos. Seguro que algunha vez vos preguntastes que redes sociais debedes escoller. É “obrigatorio” abrir un perfil en Twitter para a empresa? Para que serve estar en Google +?
Máis dun 80% das persoas que utilizan internet ten perfil en Facebook. Custa imaxinar un perfil de empresa que non deba estar nesta rede social. Serve para promocionar a marca e os seus produtos e servizos, para compartir información de interese cos seguidores… Ademais, o 50 % dos usuarios de Facebook son mulleres e o 50 % homes, e a maioría emprégano, entre outras cousas, para relacionarse coas marcas.
Twitter chega a millóns de usuarios e é a rede social que máis medra, pero non todas as empresas teñen que comunicar en Twitter. Como en calquera rede social, é mellor non estar presentes que estar para non dicir nada. Tampouco queremos Twitter para rebotar a información que publicamos en Facebook. Aquí cómpre publicar e compartir máis contido que en Facebook, interaccionar a diario con outros usuarios, etc. Twitter serve, por exemplo, para o seguemento da actualidade do noso sector ou dun evento no que participemos ou que nos interese en tempo real.
Google +
Pode que teñades a sensación de que en Google + comunicades para ninguén porque o nivel de interacción é menor que noutras redes sociais. Pero actualizar a páxina de Google + é fundamental para o posicionamento da empresa na rede. Ademais, cando alguén vos atope en Google ou Google Maps, poderá ver enderezo, teléfono, páxina web…, e a ligazón á última actualización da páxina de Google +.
Pinterest ou Instagram?
Para comezar pensade que Pinterest é unha plataforma web e Instagram unha plataforma móbil. Onde están a maioría dos vosos usuarios? Na balanza tamén tedes que poñer que a media de idade de Pinterest é maior e que o 70% dos usuarios desta rede social son mulleres. Instagram é perfecta para coidar o nome e a imaxe da vosa marca, Pinterest é obrigatoria se tedes unha tenda en liña.
Youtube ou Vimeo?
Youtube e Vimeo son útiles, sobre todo, para compartir contido de vídeo na páxina web, no blog e noutras redes sociais. A primeira contribúe ao posicionamento da empresa. A segunda é unha referencia para profesionais que comparten contido de vídeo na rede.



Pingback: 5 propósitos para mellorar en comunicación no 2015 - Xente Dixital
Pingback: En redes sociais, é máis importante o tamaño ou a calidade dos seguidores? - Xente Dixital
Aún no tengo web, pero toda esta información me parece muy interesante.
Un saludo.
Gracias 🙂