Guía práctica | #Twitterparaprincipiantes

“Just setting up my twttr” ou “axustando o meu Twitter”, foi o primeiro chío publicado, escrito polo fundador da marca, Jack Dorsey, sabedes en que ano? No 2006…

Twitter é unha rede de microblogging, ou o que é o mesmo, un espazo para escribir e ler mensaxes de 140 caracteres como máximo (enlaces a páxinas web e fotos incluidos). Opinar sobre un tema de actualidade, recomendar un artigo ou informar sobre a vida persoal e profesional de cada un, son os contidos máis habituais.

O primeiro paso é rexistrarse. Twitter pídenos nome, correo electrónico e contrasinal. E un nome de usuario polo que nos coñecerán os nosos seguidores; un exemplo: @iMitXunta. Non pode repetirse pero sempre podemos xogar con símbolos, números, etc. Creada a conta, cómpre deterse 5 minutos na configuración e no deseño; completa unha pequena biografía co teu perfil profesional ou coa frase célebre que prefiras. Sube unha foto de perfil e outra de fondo, ou escolle algún dos deseños que Twitter ofrece. Queres que calquera poida ler e compartir o que escribes? Ou prefires que só o fagan os teus seguidores aos que deche permiso para acadar tal condición? Ti escolles.

É o momento de repasar algúns conceptos básicos antes de que poidades comezar a chiar:

    • Chío. En inglés tweet. Sabiades que é a palabra usada en inglés para referirse ao son que emite un paxaro cando se comunica? Neste caso é a mensaxe de 140 caracteres na que compartir unha información, unha opinión, unha foto… Cantos menos caracteres empregues, máis doado será compartir o que escribas.
    • Rechío. En inglés retweet. Serve para compartir cos teus seguidores un chío que chamou a túa atención. Podedes comentalo se hai espazo suficiente ou tes a paciencia de recortar. De forma manual: comentario máis RT, o nome de usuario e o chío. Un exemplo: Moi interesante! RT @iMitXunta Que é o crowdfunding? Coa colaboración de Susana García de goteo.com [Vídeo] http://dlvr.it/3wNM2p. Dende un dispositivo móbil existe a opción de citar.
    • Seguindo e seguidores. Para seguir a un usuario chega con ir á súa páxina e facer click en seguir. Na nosa cronoloxía veremos a lista dos últimos chíos dos perfís aos que seguimos. Lista que convén revisar de cando en vez para conseguir un Twitter máis acorde aos nosos intereses.
    • Mención (@). Recurso imprescindible para poñerse en contacto con outro usuario: @iMixXunta onde podo conseguir información sobre os cursos CeMIT? Cando alguén nos menciona podemos velo na pestana conectar.
    • Mensaxe Directa (DM). Podes comunicarte cun usuario que te segue sen que ninguén máis o saiba. A extensión tamén está limitada a 140 caracteres.
    • Favorito. Podemos marcar un chío como favorito para, por exemplo, gardar unha información que queremos ler máis tarde.
    • Hashtag (#). Do inglés hash (almohadilla) e tag (etiqueta). Serve para etiquetar, para referirse ao tema sobre o que chiamos. Podemos crear un novo ou seguir o fío dun hashtag creado por outra persoa.
    • Tendencias. Ou Trending Topic (TT). Son os hashtags ou as palabras máis usadas en Twitter. Pódese escoller que a lista de tendencias dependa da localización xeográfica ou dos intereses de cada usuario.

Xa estades preparados para dar os primeiros pasos en Twitter. Aínda que non lle vexades moito sentido, coidado porque crea adicción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.