Guía práctica | Un post en wordpress

xentedixital_wp

A semana pasada explicabamos como crear un blog en wordpress.com en 7 pasos. Hoxe facemos un percorrido polo xestor de contidos. Aclaramos algunhas dúbidas importantes que vos van a axudar a iniciarvos en wordpress. Admítense preguntas nos comentarios do post.

wordpress_xentedixital

É aínda máis sinxelo do que parece. Despois de escribir o título en tantos idiomas como teñades configurado o blog, subide os textos sen formato; as negriñas, as cursivas, os títulos, etc., engadirémolos no xestor de contidos de wordpress. Para evitar problemas pegade o texto na pestana HTML e despois editádeo en Visual; se copiades do word, por exemplo, e pegades directamente en wordpress podedes comezar a ver unhas letras máis grandes ca outras, distintas tipografías…

Unha vez tendes o texto subido podedes engadir negriñas, axudan ao posicionamento, e cursivas. Para posicionar e para ofrecer máis información son fundamentais as ligazóns; seleccionade o texto que queirades e facede clic na icona da esquerda para engadir a ligazón. Se queredes quitala só tendes que seleccionar o mesmo texto e facer clic na icona do lado. Tendes outras opcións como as listas (con puntos ou numeradas). Nalgúns blogs non podedes esquecervos do more; serve para seleccionar que parte do texto queredes que se vexa na portada do blog. Para ver o texto completo hai que facer clic en “seguir lendo”.

“Só” queda engadir elementos multimedia. Fotos ou vídeos que teñades no ordenador ou na galería multimedia de wordpress. Cando subades unha imaxe ou compartades un vídeo dende Youtube pensade no ancho da páxina do voso blog; subir arquivos dun tamaño similar evitaravos algúns problemas. Tamén podedes situar unha foto ou un vídeo a un lado da páxina pero teredes que invertir algo de tempo en axustar texto e imaxes. Cuestión de práctica.

wordpress_xentedixital2Xa tendes o texto editado pero aínda non debedes publicar. Primeiro engadide categorías e etiquetas; é unha maneira de organizar o contido publicado no blog. As categorías identifican as áreas de contido e as etiquetas os temas sobre os que estamos a escribir.

Nalgúns blogs cómpre engadir unha imaxe destacada: imaxe que aparece na previsualización do post na portada do blog.

Por último, en wordpress podedes gardar un post como borrador e publicalo cando queirades. Incluso podedes facer clic en “editar”, ao lado de publicar inmediatamente, e programar o post para que se publique o día e hora que escollades. Se queredes que un post programado volva a borradores, tendes que cambiar o estado e pasar de “programado” a “borrador”. Non vos esquezades de previsualizar antes de publicar para comprobar que o texto, as imaxes e os vídeos aparecen como queredes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.