“A integración social non se pode concibir sen as TIC”

Rafael Rodríguez Gaioso 2

Rafael Rodríguez (MeLiSA).

Rafael Rodríguez, presidente de MeliSA e Salvador Tabarés, membro de Inestable, son os voluntarios dixitais encargados dos talleres que se están a desenvolver nos centros penitenciarios galegos. Inserción social a través das TIC? Preguntámoslles como está a resultar a experiencia.

Brevemente, que é e que facedes en MeLiSA?

Rafael Rodríguez. MeLiSA, é a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, e está formada por veciños/as de Melide, que comparten o seu interese pola tecnoloxía en xeral, e polo software libre en particular. Levamos a cabo diferentes actividades de promoción e difusión do software libre, principalmente na nosa comarca, en colexios, empresas, cooperativas, etc. Participamos en varios medios de comunicación (Cerne de ASETEM,
Radio Melide,…) para levar a nosa mensaxe o máis lonxe posible.

Sodes entidade colaboradora do programa de Voluntariado Dixital. Por que?

R.R. Dende hai tempo temos unha relación moi próxima coa AMTEGA, e colaboramos naqueles proxectos que consideramos máis axeitados para darlle a maior difusión posible ás nosas actividades. No caso de Voluntariado Dixital, somos membros dende a súa constitución e estamos moi satisfeitos do apoio que recibimos para executar o noso traballo como voluntarios dixitais.

Cal é o voso labor? Que facedes nos centros penitenciarios?

R.R. O obxectivo principal deste proxecto nos centros penitenciarios é levarlle aos internos un coñecemento da tecnoloxía baseada no uso de ferramentas libres. Adaptamos os contidos aos coñecementos dos internos, e se non contamos cos medios necesarios para impartir un curso práctico nunha aula, facemos un taller máis práctico para que aprendan a montar e reparar un equipo informático, e instalar un sistema operativo libre GNU/Linux.

Para poder executar estes talleres contamos co apoio de Salvador Tabarés e da Asociación Inestable de Ordes, grazas aos que somos capaces de executar os talleres nos diferentes centros penitenciarios que hai en Galicia, incluídos os centros CIS de Vigo e Coruña.

Como está a resultar a experiencia?

R.R. Tanto a miña experiencia como responsable do proxecto, como dos voluntarios que se encargan dos talleres, é do máis positiva, xa que vemos en primeira persoa como o noso traballo é ben recibido, e aproveitado ao máximo por parte dos asistentes aos talleres.

Atopámonos con xente moi receptiva, e con moitas ganas de aprender, xa que ven nesta formación unha oportunidade de poñerse ao día no uso da tecnoloxía a través de programas libres.

Salvador Tabarés. Persoalmente permíteme manterme actualizado respecto ao estado da fenda dixital en diferentes contornos. Reducir a fenda dixital é un dos principais obxectivos das entidades que nos vinculan: Melisa, Inestable e VOLDIX.

Destacaría a boa acollida da actividade por parte do alumnado, a grande motivación observada nos alumnos, o cal reverte nun magnífico aproveitamento. Aínda que é pequena a duración de cada obradoiro, o factor do número reducido dos grupos facilita a aprendizaxe e a resolución das problemáticas particulares. A dispoñibilidade das aulas CeMIT foi determinante para a consecución dos obxectivos marcados na actividade.

Como poden axudar as TIC á inserción social dos presos?

R.R. A nosa formación nunca perde o foco no software libre, e tratamos de facerlles ver a vantaxe coa que contarán na súa inserción social e laboral, ao diferenciarse do resto de candidatos que poidan optar a un posto de traballo. Ademais de transmitirlles que é posible facer uso da tecnoloxía dun xeito máis ético e responsable, ao non ter que utilizar
software ilegal, coas vantaxes técnicas que isto supón.

S.T. As TIC son hoxe en día o principal medio de comunicación entre persoas, colectivos e institucións. Ter uns coñecementos mínimos e certas habilidades TIC é imprescindible. Falar, ler e escribir sen empregar as TIC limítanos a un entorno tan reducido coma a nosa casa e o bar. A integración social non se pode concibir xa sen coñecer e empregar ferramentas TIC de comunicación ou de Integración cyber-social: e-mail, mensaxería instantánea e redes sociais.

Precisamente o que fai a reclusión é illar a posibilidade de interrelación da persoa reclusa. En períodos prolongados dita posibilidade transfórmase en incapacidade. Ó rematar o illamento non basta con eliminar a barreira física, é fundamental axudar á persoa a capacitarse nun novo escenario, non só novo, senón até incluso hostil con quen non emprega as ferramentas (exclusión). Imaxínate o nivel de incapacidade comunicativa despois de 14 anos de reclusión (caso real que atopei na actividade).

Que foi o que máis vos sorprendeu?

R.R. Chamoume a atención que no centro de Bonxe había varios internos que fixeron petición para poder ampliar o curso no uso de sistemas operativos GNU/Linux, ou de programación, xa que o vían como unha oportunidade de investir dun mellor xeito o tempo do que dispoñen dentro da prisión. Por suposto, a formación que podemos ofrecer dentro das prisións está limitada ao non ter conexión a internet, cousa que non ocorre nos CIS, xa que a formación levouse a cabo en aulas CEMIT.

S.T. O caso anterior foi o que máis me chamou a atención. Despois dunha reclusión de 14 anos a enorme motivación e interés que tiña esa persoa por re-aprender a comunicarse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.