Acaban de publicarse os resultados do EGM (Estudio General de Medios) da primeira ondada do 2014. Internet é o único medio que medra en audiencia cunha penetración do 55,6%. A televisión segue sendo o medio líder cunha penetración do 88,3% en España.
Radiografía do internauta en España
Xa vos contamos que o EGM recolle datos de consumo de internet dende 1996; o dato de conectividade diaria pasou do 1 ao 59% nos últimos 18 anos. Hai que ter en conta que aínda que o EGM está dirixido a individuos de máis de 14 anos, no caso de internet tamén se recolle información de nenos de entre 4 e 13 anos; nesta franxa de idade conéctanse preto do 90% dos usuarios.
Grazas ao EGM sabemos que nos conectamos, sobre todo, dende a casa (95%). Tamén o facemos dende o traballo (22%) e, en menor medida, dende a universidade ou o centro de estudos.
Constátase que preto dun tercio dos internautas conectámonos en mobilidade dende a rúa ou dende un medio de transporte. Facémolo, sobre todo, a través de smartphones e portátiles pero tamén medran as conexións dende as tabletas (24,2%), as videoconsolas (11,9%) e as televisións (3,6%).
Dos últimos EGM deducimos que se reduce a fenda dixital entre homes e mulleres. Non se conectan o 27,9% dos homes e non o fan o 39,4% das mulleres; a fenda de algo máis de 7 puntos de penetración estase a reducir progresivamente nos últimos tempos.
As grandes diferenzas atopámolas se comparamos distintos grupos de idade; o uso de internet entre os grupos de 14 a 34 anos supera o 90%. A partir dos 65 non chega ao 30%.
Podedes consultar os datos máis importantes de audiencia de internet no EGM, observar a evolución do dato de penetración dos últimos anos e comparar grupos de idade e clases sociais. Dende onde nos conectamos? Que servizos consumimos na rede?
Internet e os outros medios
Tamén podedes acceder ao resumo do úlitmo EGM con datos dende abril de 2013 a marzo de 2014, e comparar o consumo de internet co que facemos de prensa, revistas, radio, televisión, etc.
Veredes que internet é o único medio que experimenta un crecemento claro; o dato de penetración nos últimos 10 anos pasou do 16,85 ao 55,6%. Podedes comparar datos de penetración por sexo, idade e clase social entre os distintos medios, e acceder aos rankings de xornais, revistas, canles de radio e televisión, ou sitios de internet máis visitados.
Fonte AIMC.



