Internet para menores de 18 anos

image_gallery (2)

Esta semana preocupámonos polo uso que fan os menores de Internet. Coñecedes o proxecto EU Kids Online? Promovido polo Safer Internet Programme da Comisión Europea, creouse para examinar as experiencias de menores, pais e docentes na rede. No proxecto traballa unha rede de investigadores de 33 países; en España o equipo de investigación está formado por membros da Universidade do País Vasco.

En xullo deste ano presentábase o último dos informes no que se compara aos internautas españois menores de idade cos do resto de Europa. O reto é mellorar o acceso ás oportunidades que Internet lle ofrece aos menores limitando a exposición aos posibles riscos.

4 grupos de países

Os investigadores clasificaron os países en 4 grupos baseándose nos perfís de risco dos menores:

  • Exploradores avezados apoiados. En Dinamarca, Finlandia, Holanda, Noruega e Suecia, os menores están moi familiarizados co uso de redes sociais. Enfróntanse a un ninvel alto de ameazas na rede pero os pais implícanse activamente en orientalos sobre o uso de Internet.
  • Xogadores arriscados parcialmente apoiados. En Bulgaria, Chipre, Estonia, Polonia, na República Checa ou en Rumanía, os menores céntranse no entretemento e non aproveitan as oportunidades que Internet lles ofrece. Aínda así, experimentan niveis de risco e dano elevados.
  • Protexidos polas restricións. Pertencen a esta categoría: Alemaña, Bélxica, España, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Portugal, o Reino Unido e Turquía. Nestes países os menores enfróntanse a poucos riscos, entre outras cousas, porque non se aproveitan boa parte das oportunidades que a rede ofrece.
  • Activos nas redes sen apoio. En Austria, Eslovenia, Hungría e Lituania, aproveitan as oportunidades da web 2.0 pero os pais non se implican na mediación entre os nenos e os riscos que poden atopar navegando.

Esta semana repasaremos algunhas desas oportunidades que convén aproveitar. E teremos o antivirus actualizado para previr as posibles ameazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.