A Amtega vén de ampliar a lista de servizos que ofrece no CDTIC a pemes e autónomos. Dende xa podedes beneficiarvos das consultas TIC, do servizo CDTIC virtual e do servizo de streaming. En que consisten?
O servizo de consultas TIC ten como obxectivo resolver dúbidas sobre solucións tecnolóxicas dispoñibles para profesionais autónomos e pemes. Só hai que cubrir o formulario habilitado na web do CDTIC e recibirase unha resposta nun prazo máximo de 96 horas. Dende o Centro buscarase dar alternativas de calidade e referencias a solucións libres que cubran as necesidades expostas.
O servizo CDTIC virtual ofrécenos a posibilidade de analizar e probar solucións empresariais libres aloxadas na nube. Poderemos avaliar a utilidade das solucións dispoñibles para o noso sector. Só hai que solicitalo na web e tras estudar a petición habilítase un período de proba. A través da aplicación Owncloud (solución libre para dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube), proporciónase unha infraestrutura para probar un servizo sen a necesidade de que a empresa dispoña da mesma.
Un exemplo de solución empresarial libre é a aplicación Xeshostal que permite a xestión en liña de establecementos hostaleiros; foi liberada o ano pasado pola Amtega en colaboración coa Axencia de Turismo.
Por último, o servizo de streaming está destinado a persoas que queiran asistir ás actividades do CDTIC pero que non poden desprazarse ata as súas instalacións. Dende agora só se necesita un dispositivo con conexión á rede para seguir os actos dende calquera lugar.


