Esta semana repasaremos os últimos datos dos indicadores da Sociedade da Información en España, publicados recentemente polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI). Antes cómpre repasar un concepto co que nos atopamos a diario pero que non sempre empregamos correctamente: que é a Sociedade da Información?
Foi Norbert Wiener, creador da cibernética a mediados do século XX, quen falou por primeira vez do concepto da Sociedade da Información. Unha sociedade baseada, segundo Wiener, na libre circulación de información á que consideraba unha nova materia prima.
A Sociedade da Información forma parte das políticas da Unión Europea, e dos gobernos estatais e rexionais; xa vos falamos en máis dun post da Axenda Dixital de Galicia: a estratexia tecnolóxica global da Xunta para integrar as TIC na sociedade, modernizar os servizos públicos e contribuír ao crecemento dos principais sectores produtivos coa tecnoloxía como base.
Na páxina web da Unión Europea atopamos a definición de Sociedade da Información: é sinónimo de “novas tecnoloxías da información e a comunicación” (NTIC). As NTIC evolucionaron moi rapidamente dende principios dos anos 90. O cambio maniféstase, por exemplo, na xeralización dos intercambios electrónicos de información, na converxencia cara as tecnoloxías dixitais, no crecemento de internet e na liberalización das telecomunicacións.
A Sociedade da Información abre novas perspectivas en canto ao acceso á formación e ao coñecemento, á organización do traballo, ao ocio, etc. Tamén crea novas oportunidades de participación para a cidadanía. Perspectivas e oportunidades que levan consigo novas preocupacións: novas formas de delincuencia, loitar contra a piratería, o tratamento de datos persoais, etc.
O mércores botaremos un ollo aos últimos datos publicados polo ONTSI: os indicadores da Sociedade da Información en xuño de 2014.


