Levan tempo inventados pero seguro que moitos de vós aínda non escoitarades falar dos teclados e ratos virtuais. Dende o portal de tecnoloxía Portaltic lévannos ata Las Vegas, onde acaba de rematar o CES 2014 (Consumer Electronics Show); é o evento anual no que coñecer as tendencias tecnolóxicas para os próximos meses. Entre outros dispositivos, presentáronse Epic e evoMouse (da compañía Celluon), dous gadgets que convirten calquera mesa nun teclado ou nun rato láser.
Epic é un teclado láser que se proxecta sobre unha superficie plana e funciona como unha pantalla táctil. Permite escribir, empregalo como un trackpad dun portátil, facer scroll nunha páxina ou zoom nunha imaxe. É compatible con Mac, Windows, iOS, Android e BlackBerry. O proxector pode conectarse por Bluetooth ou cable e ten un prezo de 149 dólares.
evoMouse funciona como o trackpad dun teclado. Temos que empregalo en superficies lisas, recoñece multitude de xestos e conéctase vía USB. O prezo é de 79 dólares.
O produto non se distribúe, polo momento, en España, pero si noutros países europeos e en Latinoamérica.
No seguinte vídeo de Portaltic poderedes facervos unha idea máis clara de como funcionan estes dispositivos. Credes que paga a pena mercalos?


