Esta semana queremos mesturar as TIC e o Entroido. Como? Hoxe recomendámosvos algunhas webs nas que recoller toda a información sobre o Entroido que necesitades. Se aínda non sabedes que disfraz escoller non vos preocupedes; remataremos a semana descargando algunhas apps moi interesantes.
Mañá faremos un percorrido por turgalicia.es. Aí podedes atopar, por exemplo, información sobre o Entroido en Galicia, e información detallada do Carnaval de Cobres en Vilaboa, das festas do Entroido de Laza, Verín e Xinzo de Limia, do Entroido dos Xenerais do Ulla, da Festa da Androlla de Viana do Bolo e do Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda.
Ademais, pódense descargar dous folletos sobre o Entroido en Galicia e sobre o Entroido gastronómico en Galicia, con información, fotos e mapas. Botádelle un ollo á páxina de Turgalicia en Flickr; coñecedes todas as personaxes do Entroido galego?
Na páxina entroido.galiciadigital.com atoparedes unha chea de información sobre o Entroido, artigos para coñecer historias e a historia do Entroido en Galicia, información sobre que visitar, novas, etc.
Tamén publican os carteis de cada unha das festas, fotos das celebracións… Pero o máis útil da páxina é a axenda para non perderse nada.
Tamén podedes consultar webs como carnavaldeverin.com ou entroidoxinzo.blogspot.com, ou páxinas de Facebook para enterarvos de todo o que ocorre, entre outros sitios, en Laza ou Xinzo de Limia.



