Comezabamos a semana facendo balance do traballo feito en eAdministración dende o 2010 ata o 2013. Pero quedan retos pendentes que están contidos no Plan de Modernización 2014-2016 da Xunta.
Rexistro Único
A implantación do sistema de rexistro único e a dotación de medios para as funcións de dixitalización e compulsa electrónica nas 500 oficinas de rexistro, permitirá que calquera documento que entre nestas unidades sexa dixitalizado para conformar o expediente administrativo dixital. Eliminarase o uso do papel na relación entre cidadáns, empresas e a Administración.
Notificacións telemáticas
Outro dos obxectivos contidos no Plan de Modernización é a posta en marcha dun servizo de notificacións telemáticas: notificacións electrónicas que sustitúen ao correo certificado tradicional, e que teñen a mesma validez legal e todas as garantías de seguridade. O obxectivo é acadar as 20.000 notificacións efectuadas en 2016.
Ademais prevese a simplificación do acceso á administración electrónica a través do sistema Chave 365 do que vos falaremos moi pronto; permitirá o acceso aos servizos dixitais sen necesidade dun certificado dixital.
Para as empresas, crearase unha plataforma global de subvencións e un rexistro único empresarial.
Arquivo Dixital e interoperabilidade
A posta en marcha do Arquivo Dixital e do Modelo de Xestión Documental garantirá os criterios de clasificación, accesibilidade, vixencia e custodia da documentación no actual contexto dixital.
“Por último”, tamén se busca a consolidación do nodo de interoperabilidade. A implantación no 2011 do portal Pasaxe nas consellerías permite xa eliminar a petición de documentación básica como o DNI ou o certificado de empadroamento. O obxectivo para este ano é que se elmininen, por exemplo, a petición do título de familia numerosa, o certificado de discapacidade ou as titulacións académicas.


