O videoxogo para móbiles War of Sides, creado polos vigueses Saúl Molinero e Abdón Rodríguez, foi seleccionado para representar a Galicia na final nacional do programa Talentum Startups de Telefónica. O evento celebrarase a principios do ano que vén no Espacio Fundación Telefónica, en Madrid, e o proxecto galego competirá contra outras 10 iniciativas procedentes de toda España.
A maduración do proxecto, a innovación tecnolóxica ou as perspectivas de negocio, foron algúns dos motivos que levaron ao xurado a escoller War of Sides como o mellor dos proxectos presentados. Telefónica implantou este ano por primeira vez o programa en Galicia da man da Fundación Barrié, que acolleu a iniciativa nas súas sedes de Vigo e A Coruña.
Ambientado na época medieval, o videoxogo somerxe ao xogador nun mundo fantástico no que conviven realidade e ficción. A principal novidade é que xunta tecnoloxías de realidade aumentada, xeolocalización, xiroscopios e acelerómetros, outras propias dos xogos online e acceso a datos na nube. Isto permite ao xogador ter como escenario a cidade na que se atopa e interaccionar con ela.
Waf of Sides está en fase beta privada pero podedes probalo de forma gratuíta a través da súa páxina web.
Fonte: Fundación Barrié.


