A Amtega pon a disposición de empresas e entidades do terceiro sector, dúas aplicacións de software libre no Centro Demostrador TIC virtual. Son Odoo e CiviCRM, das que xa vos falamos, coñecédelas?
Odoo está orientado á xestión dos procesos internos dunha empresa: facturación, contabilidade, almacén e proceso de produción. CiviCRM busca mellorar a comunicación ca masa social e a realización de campañas de captación de fondos en entidades do terceiro sector. Na web do CDTIC podedes solicitar un período de proba de calquera destas dúas solucións.
Planificación de recursos empresariais (ERP) e xestión de relacións cos clientes
Oddo é un sistema de planificación de recursos sinxelo e personalizable, cunha gran cantidade de módulos dispoñible, o que fai que se adapte ás necesidades de moitos tipos de empresas. No CDTIC virtual atoparedes dúas configuracións diferentes da proba de Oddo: unha para empresas de produción, pensada para a xestión de procesos de fabricación, e outra para empresas de compra-venda, que inclúe módulos de TPV e ecommerce.
CiviCRM é un software de xestión de relacións cos clientes, para organizacións que traballan no eido social. Dispoñible en máis de 20 idiomas, conta cun gran número de funcionalidades. Está pensado para organizacións do terceiro sector (asociacións, fundacións, ONGs, etc.). Permite a xestión de contactos, socios e doazóns de forma integral.


