O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), adscrito á Amtega, vén de publicar o estudo “Os mozos e as TIC”. Recolle datos de equipamento e uso das TIC en fogares con nenos de entre 3 e 16 anos, e con estudantes maiores de 16 anos. A principial conclusión é que a convivencia con nenos en idade escolar e con estudantes de máis de 16 anos leva consigo un uso dos servizos TIC superior á media.
Grazas ao informe sabemos que 3 de cada 4 vivendas con nenos de 3 a 16 anos dispoñen de conexión a Internet; nas vivendas sen nenos en idade escolar, a porcentaxe de fogares con conexión é só do 50%. Ademais, nos fogares con estudantes de máis de 16 anos, 8 de cada 10 dispoñen de conexión de banda larga.
Os mozos, usuarios activos
9 de cada 10 mozos de entre 16 e 34 anos empregou o ordenador nos últimos 3 meses. A fenda dixital por idade faise patente, por exemplo, nas compras online: a porcentaxe de persoas novas que adquiriron algún ben ou servizo nos últimos meses (32,4%), duplica á de persoas maiores de 35 que mercan na rede (15,9%).
O 28,1% dos adolescentes navega máis de 2 horas diarias e o 45,8% entre 1 e 2 horas ao día. Boa parte dese tempo adícano ás redes sociais: o 85% está rexistrado nunha rede social, o 40% en dúas e ata un 16% en tres ou máis. Máis alá das redes sociais, 6 de cada 10 busca e descarga información vencellada aos estudos.

