Hoxe falamos con Xavier Castaño, Business Development en Igalia sobre software libre, boas prácticas no lugar de traballo e teletraballo. Igalia foi unha das participantes na xornada sobre RSE no sector tecnolóxico organizada pola Amtega na Cidade da Cultura en novembro.
Brevemente que é Igalia? Que facedes?
Igalia é unha empresa que ofrece servizos altamente especializados de consultoría en Software Libre. En concreto, Igalia ofrece servizos de consultoría, desenvolvemento e formación, principalmente, nas seguintes áreas: tecnoloxías web ó redor dos navegadores, tecnoloxías de renderizado gráfico e o multimedia, compiladores e máquinas virtuais.
Ditas áreas resumen moi ben o que Igalia é hoxe en día, aínda que existen algunhas áreas complementarias, como a de accesibilidade ou virtualización nas que tamén ofrece servizos.
Participastes na xornada sobre RSE no sector TIC, na mesa sobre Boas prácticas no lugar de traballo, expoñendo un modelo de xestión de persoas. En que consiste?
O que expliquei na xornada foi o modelo completo de Igalia. Cando expoñemos as prácticas no lugar de traballo é importante destacar que describimos un modelo de empresa completamente distinto á empresa tradicional. Estamos a falar de unha empresa onde os empregados acaban sendo propietarios da empresa ó mesmo nivel que os anteriores donos da empresa. Sen embargo, non só nos referimos ao modelo senón tamén ás accións precisas para que a empresa estivese preparada para poder competir nun mercado tan esixente como é o internacional e sobre todo tan especializado.
Que medidas tomades para levalo adiante?
Tal como expliquei durante a charla, en Igalia hai tres aspectos que marcan as accións que se levan acabo. Estes aspectos pódense resumir en:
- Igalia ofrece servizos en un entorno internacional, competindo con empresas de todo o mundo.
- Os servizos teñen un carácter altamente especializado e en consecuencia precisan de contar con perfís específicos con posicionamento en comunidades de Software Libre.
- O modelo de empresa horizontal onde todos os traballadores poden ser socios, como xa comentei.
Son os anteriores elementos os que marcan en gran medida todas as accións levadas a cabo:
- Teletraballo: A contratación de perfís especializados require permitir que traballen dende a súa rexión ou país de orixe.
- Flexibilidade de horario: En Igalia é preciso realizar de media 40 horas semanais, sen embargo, existe flexibilidade respecto a cando deben facerse xa que non existe un horario estrito de traballo.
- Igualdade salarial: Igalia considera un aspecto importante o balanceo de responsabilidades, considerando que os traballadores con igual responsabilidade deben cobrar o mesmo.
- Adaptación do salario ó custo de vida do país: existen países nos que o custo de vida complica moito poder traballar en Igalia se o salario se mantén igual para todos. En consecuencia, e co obxectivo de facilitar a contratación de persoal especializado, realízase un axuste de custo de vida nos salarios de Igalia.
- Reserva de horas da xornada laboral para traballo en tarefas técnicas elixidas libremente polo desenvolvedor.
- Partida de formación de uso libre.
- Organización de fin de semanas de empresa: os Igalia Summit. Son fins de semana nas que todos os traballadores de Igalia nos reunimos nun aloxamento de carácter rural e adicamos a fin de semana a realizar actividades de ocio e complementarias ó traballo, fomentando debate, colaboración, etc.
Teletraballo si ou non? Que vantaxes e desvantaxes ten?
Para Igalia o teletraballo é fundamental, hoxe en día case a metade dos desenvolvedores son teletraballadores, e dos que non o son formalmente, a maioría traballa parcialmente dende casa. De non ter sido polo teletraballo, Igalia non contaría cos traballadores cos que conta actualmente. A fichaxe de persoas con coñecementos específicos non sempre é posible se estes teñen que desprazarse a traballar a outro lugar, menos se o lugar de destino non é unha gran cidade de renome, estilo Londres, San Francisco, etc.
As vantaxes do teletraballo están claras. O acceso á perfís máis específicos, a conciliación familiar ou a redución de tempos de desprazamento para asistir ó traballo son claras vantaxes do mesmo. Asimesmo, en certas contornas, non só ofrece vantaxes senón que é case obrigatorio contar con el.
Sen embargo, existen desvantaxes, que deben ser consideradas non só polo empresario senón tamén polo traballador: aumentan as necesidades de coordinación, a dificultade para distinguir entre espazo de ocio e lugar de traballo, a sensación de soedade que causa traballar na casa, etc. Non é raro que persoas que teletraballan dende outros países valoren a posibilidade de ir a centros de coworking onde se comparte espazo con outras persoas.
Ademais, aumentan os riscos de desapego coa organización. Este é un dos riscos máis importantes, xa que o traballar en solitario fai que non se xeren vínculos persoais con outros compañeiros e que diminúa a sensación de pertenza a un grupo. Este é un dos riscos máis importantes e en consecuencia en Igalia levamos a cabo accións para compensalo, tal como os Igalia Summits xa comentados.


