Esta semana queremos achegarvos un pouco máis o concepto do software libre, demostrar que é unha tecnoloxía que pode axudar a todos os sectores de poboación. Hoxe ocuparémonos do sector empresarial e da cidadanía, remataremos a semana falando de software libre e administración.
Software libre para as empresas
Toda empresa que queira saber máis ou implementar algunha solución de software libre ten que fixarse na actividade do Centro Demostrador TIC. Aquí celébranse as principais accións de fomento do software libre para o sector empresarial: demostracións, formación e asesoramento.
O CDTIC ofrece un servizo de asesoramento a empresas; as pemes que trasladen as súas demandas ao CDTIC recibirán a orientación necesaria para atopar provedores, produtos ou servizos que se adapten ás súas necesidades.
Ademais, ofrecerase un servizo de apoio e asesoramento para a liberación de software, desenvolvido por empresas galegas, e sobre os procesos de revisión técnica do código, na elección da licenza para o produto da empresa, etc.
“Por último”, co obxectivo de incrementar o coñecemento das empresas galegas sobre este tipo de solucións tecnolóxicas, comezará a funcionar o Centro Demostrador Virtual; a través do portal do CDTIC, porase a disposición das empresas galegas unha selección de solucións empresariais libres para que poidan probalas e coñecer o seu funcionamento.
Software libre para os cidadáns
Seguro que xa coñecedes o portal mancomun.org. Aquí podedes acceder ás novas de interese, aos casos de éxito e ás iniciativas que se están a desenvolver en Galicia nos diferentes ámbitos: admnistración, sector empresarial, educación, etc.
Por outra banda, durante este ano, a Amtega continuará a colaborar coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para fomentar a presenza do galego nas TIC. Promoverá a publicación de materiais lingüísticos xerados con financiamento público con licenzas libres.
Pero máis alá da información que podedes atopar na páxina web do CDTIC ou en mancomun.org, a mellor maneira de achegarse a esta tecnoloxía é a través das actividades da Rede CeMIT; consulta a axenda porque seguro que atopas contidos que che interesen.



