A Xunta e a Amtega veñen de presentar a Libraría Institucional de Galicia, unha plataforma na que a Administración concentra todo o seu fondo editorial e o pon a disposición de cidadáns e librarías.
libraria.xunta.gal é a primeira canle de comercio online da Administración e forma parte da estratexia da Xunta para a dixitalización, catalogación, promoción e difusión do patrimonio cultural galego. Outras medidas neste ámbito son a posta en marcha do portal GaliciaLe, plataforma de préstamo de libros electrónicos das bibliotecas galegas, e os novos portais de Cultura e do Sistema Galego de Museos.
A Libraría Institucional funciona a través dunha plataforma electrónica na que podemos acceder ás publicacións da Xunta e dos seus organismos. Aquí centralízase a distribución e a comercialización do fondo editorial en formato físico e electrónico. Será tamén a nova canle para que as librarías e outros puntos de venda adquiran as publicacións institucionais.
Se estades interesados nun libro, folleto, revista, etc., poderedes realizar o pagamento na propia web ou por transferencia bancaria. En canto a plataforma confirme o pagamento poderedes descargar a publicación ou enviarásevos ao voso domicilio.
Hoxe xa hai cargadas 750 publicacións posteriores ao 2010. Está previsto incorporar á plataforma publicacións anteriores a este ano. Atentos ao blog porque pronto faremos un percorrido polo portal e aclararemos as posibles dúbidas.



Pingback: A web do mes: libraria.xunta.gal - Xente Dixital