O luns falabámosvos dos logros conseguidos co Plan de Modernización da Xunta. Esta semana presentábase o Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 que ten como obxectivo conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital. Poderemos resolver calquera trámite administrativo a calquera hora e sen saír da casa. Definíronse 3 ámbitos de actuación.
Madurez electrónica
Que pasos se van a dar nos próximos anos? Que ferramentas se van a desenvolver?
- Dotar a sede de maiores funcionalidades: poder presentar calquera tipo de documento ou obter de xeito inmediato certificados como o de discapacidade ou familia numerosa.
- A aplicación Chave 365 permitirá interactuar coa Administración a través do móbil, sen necesidade dun certificado electrónico.
- Consolidación do Arquivo Dixital Integrado. Entrará en funcionamento este ano e permitirá xestionar o cliclo de vida completo de cada documento.
- Dixitalizar a xestión dos empregados públicos: plan de dotación TIC do posto de traballo e expediente dixital do empregado.
- Ampliar a implantación do nodo de interoperabilidade Pasaxe! Estará dispoñible para as deputacións provinciais e os concellos, o que evitará aos cidadáns ter que presentar a mesma documentación (certificados de identidade, dispcapadidade…) en diferentes administracións.
- Creación dun catálogo de servizos públicos compartidos na Administración. Á plataforma Pasaxe! e ao sistema de Rexistro Único, entre outros, sumaranse outros novos como o sistema de notificacións electrónicas.
Innovación dixital
A canle telemática converterase na vía preferente para a relación con cidadáns e empresas. Entre outras actuacións, crearase un rexistro de funcionarios habilitados que actuarán ante a Administración en nome do cidadán en procedementos que requiran sinatura electrónica.
Buscarase a personalización dos servizos ás empresas con medidas como a creación dun rexistro empresarial único, a posta en marcha da canle empresa ou do nodo integral de contratación pública.
Por outra banda, implantaranse novos sistemas de análise de datos que permitirán crear perfís dixitais de cidadáns e empresas e ofrecer mellores servizos. O Big Data, do que xa vos falamos en Xente Dixital, integrarase progresivamente na Administración e axudará na toma de decisións.
Instrumentos para o cambio
Adminstración dixital si, pero como o conseguimos? Coa axuda de dous colectivos chave neste proceso: os empregados públicos e os cidadáns. Porase en marcha unha plataforma colaborativa para que os traballadores da Administración fagan as súas achegas e compartan a información na propia Xunta ou con outras administracións. Por outra banda, seguirase fomentando o coñecemento e o uso de servizos dixitais para cidadáns e empresas a través de iniciativas de formación e divulgación.


