Abalar: ‘Mover, axitar ou facer oscilar unha persoa ou cousa, sen cambiala de lugar’. Neste caso, o que se move, o que se transforma, é a educación en Galicia a través da integración das TIC nas aulas. Ese é o obxectivo do Proxecto Abalar, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Abalar significa un cambio no modelo educativo. Trátase de aproveitar e sumar recursos, de que profesores e alumnos tiren proveito das tecnoloxías e dos contidos dixitais en centros educativos cada vez máis preparados e dotados. É a transformación da aula tradicional en aula dixital.
Nestes centros os alumnos contan con ultraportátiles que cumpren as funcións dun ordenador e as dunha tablet; os profesores teñen á súa disposición na aula un portátil, un proxector, unha pizarra dixital interactiva e acceso a Internet a través de WIFI.
A tecnoloxía é a base do Proxecto Abalar e a súa filosofía é contar con toda a comunidade educativa para a súa implantación. Por iso, existe un plan de formación e de fomento da cultura dixital entre os profesores e as familias. Docentes, pais, nais e alumnos son os actores deste cambio no modelo educativo.
Outra das bases do proxecto son os contidos educativos dixitais. Existe un Repositorio de recursos educativos dixitais onde a comunidade educativa pode acceder a recursos de distintos niveis educativos e en distintas linguas, de xeito totalmente aberto e gratuito. Deste xeito, os profesores poden empregar ditos recursos para a actividade na aula, ou ben para complementar os seus propios recursos educativos. Nesta semana prestaremos atención á lista dos recursos a disposición de estudantes e profesores.
Na actualidade hai 533 centros Abalar, 1.993 aulas Abalar, 43.140 alumnos Abalar, o que supón preto de e 2.000 aulas dixitalizadas e máis de 43.000 alumnos beneficiados. Adicionalmente, outras 825 aulas foron dotadas de kits de aula dixital (compostos por un portátil, un proxector, unha pizarra dixital interactiva) en 732 centros.

