Seguro que oístes falar moitas veces do EGM (Estudio General de Medios), estudo sobre o consumo de medios de comunicación en España publicado pola AIMC (Asociación para la Investigación de Medios de Comunicación). Esta semana repasaremos o último informe atendendo especialmente aos datos relativos ao consumo de internet. Antes cómpre repasar algunhas características importantes que nos van axudar a entender e interpretar o estudo.
- É un estudo poboacional. O obxectivo non é representar aos lectores, aos oíntes ou aos espectadores. Búscase unha representación axeitada da poboación mediante unha mostra á que se interroga en relación ao consumo que fan de televisión, radio, prensa ou internet.
- Combínanse distintas fontes de información. Fanse entrevistas persoais e telefónicas monomedia e multimedia (sobre un ou máis medios de comunicación). Apórtase información sobre o comportamento de cada individuo respecto aos distintos medios. A medición de audiencias é importante, sobre todo, para o mercado publicitario.
- É un estudo anual. Divídese en 3 ondadas que temos que analizar en conxunto; dependendo do ámbito ao que se refiran pode haber estratos ou segmentos de poboación infra ou sobrerepresentados que só adquiren o seu verdadeiro valor de representación no resultado anual.
Internet dentro do EGM
O EGM estuda o comportamento dos internautas en España dende 1996. Sorprenderavos saber que o dato de conectividade diaria entre os usuarios de máis de 14 anos pasou do 1% ao 59% nos últimos 18 anos. No post do mércores debuxaremos o perfil do usuario, faremos unha lista de puntos de acceso e analizaremos os datos de consumo de internet respecto ao consumo que facemos de televisión, radio, prensa, revistas, etc.


