“Queremos incorporar ao ecosistema galego talento que xere proxectos sustentables”

crowdworking_OGaias

Hoxe falamos con Mari Carmen López, directora de Galicia Open Future. Enriba da mesa están os proxectos cos que arranca a actividade no Crowdworking O Gaiás. Que vantaxes ten para eles estar en Galicia Open Future? Que obxectivos teñen?

Brevemente, para quen non o saiba, que é Galicia Open Future?

Galicia Open Future forma parte dunha iniciativa global do Grupo Telefónica cuxo obxectivo é impulsar a innovación aberta tecnolóxica e o emprendemento. Chega a Galicia a través dun convenio de colaboración subscrito entre Telefónica e Xunta de Galicia coa vocación de impulsar iniciativas de emprendemento con base tecnolóxica, que se acompañan durante un período inicial de 6 meses, prorrogables por outros 3, no espazo de crowdworking O Gaiás, situado na Cidade da Cultura.

O programa aglutina todas as ferramentas de innovación aberta, emprendemento, investimento e transformación de Telefónica, e ten como obxectivo desenvolver ecosistemas locais de emprendemento mediante alianzas con socios públicos e privados.

50 proxectos de 130 propostas…

O proceso de selección tivo lugar a finais do mes de xullo. Levouno a cabo un Comité Técnico formado por representantes de AMTEGA, IGAPE, GAIN e Telefónica. O Comité avaliou para cada proxecto, cada un dos 10 criterios considerados nas bases (relativos a proposta de valor, grao de innovación, viabilidade, potencial de mercado, equipo, etc.), o que determinou a relación das 50 iniciativas que actualmente forman parte do crowdworking.

Que tipo de proxectos conviven no Crowdworking O Gaiás?

Son proxectos, todos eles con base tecnolóxica, que presentan diferentes graos de maduración (idea, semente, prototipo, piloto, lanzamento ou comercialización) e que desenvolven iniciativas dirixidas a distintos sectores: agricultura, marítimo-pesqueiro, turismo, moda, medicamento, prevención de riscos laborais, alta computación, formación, apps para móbiles, cultura, etc.

E tamén con distinta procedencia, moitos deles teñen a súa orixe en centros tecnolóxicos e en universidades.

Que vantaxes ten para eles estar aquí?

Ademais de contar cun espazo dotado das infraestruturas necesarias para fomentar o traballo colaborativo, o emprendedor dispón do acompañamento de expertos na metodoloxía Open Future, que incorpora as últimas novidades en materia de innovación e emprendemento, personalizada para cada iniciativa a través dos adestramentos individuais que cada equipo leva a cabo co adestrador asignado.

O crowdworking O Gaiás, está conectado á rede global de crowdworkings e academias Wayra repartidas por todo o mundo e, estes á súa vez, enlazan coa rede global de innovación, emprendemento e investimento que Telefónica e os seus socios desenvolveron ao longo destes últimos anos. Esta rede global coñécese como Universo Open Future, que os crowdworkers utilizan para a maduración dos seus proxectos nunha plataforma común: http://www.openfuture.org, que lles proporciona visibilidade aos socios estratéxicos de todo o mundo.

Por último, indicar que os proxectos seleccionados para Galicia Open Future reciben un patrocinio de 2.000 euros, que achega a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación. Adicionalmente, de acordo cos criterios recollidos nas bases da convocatoria, seleccionaranse 3 proxectos que contarán cunha achega de ata 25.000 euros máis para o desenvolvemento do propio proxecto, coa posibilidade de acceder a un préstamo reembolsable por parte de XESGALICIA de ata outros 25.000 euros.

Cales son os obxectivos de Galicia Open Future?

Galicia Open Future persegue promover a innovación entre os emprendedores galegos, co firme propósito de facer aflorar as capacidades e incorporar ao ecosistema galego talento valioso que xere proxectos sustentables, riqueza e emprego novo.

Traballamos por establecer un modelo que posibilite facer fronte aos desafíos aos que se enfronta a sociedade galega, a través de solucións viables.

Dito doutra maneira, identificar e acompañar o desenvolvemento de proxectos innovadores de base tecnolóxica para que se convertan en empresas de futuro que axuden a desenvolver os sectores máis estratéxicos de Galicia. Todo iso, a través da implementación de ferramentas de innovación aberta, ofrecéndolle ao emprendedor un apoio integral e continuo ao seu proxecto, dende o arranque da idea ata a madurez do mesmo, facilitándolle a súa internacionalización e crecemento.

A idea é que haxa unha segunda edición…

Si claro, de feito estamos xa pensando en calendarios para o seu lanzamento e en como incorporar a aprendizaxe obtida durante os meses que levamos de execución do programa, para o que contamos coa participación e achegas de todos os emprendedores que están a participar nesta primeira edición.

1 comentario

  1. Pingback: "Gracias a Galicia Open Future contamos cun servizo máis profesional e robusto" - Xente Dixital

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.