Despois dos Reis Magos chega a hora de aproveitar as rebaixas. En Xente Dixital preferimos evitar as aglomeracións e o estrés das tendas e centros comerciais, e probar sorte a través de Internet.
Ir de rebaixas na rede ten vantaxes e desvantaxes. Recoméndase comparar prezos de tenda física e online; non hai unha norma que diga que o prezo ten que ser o mesmo ou que vai estar máis barato nun sitio que no outro. Cando merquedes en Internet fixádevos ademais se os gastos de envío están incluídos.
Entre as vantaxes, evitar colas e madrugar ou discutir con alguén para saber quen viu primeiro o produto que nos interesa. Entre os perigos destaca o exceso de consumo, engadir produtos ao carriño de tendas que gardan os nosos datos persoais e bancarios dende a primeira compra.
Segundo dreivip.com (club de venta privada online) cada vez somos máis os que imos de rebaixas sen saír da casa porque podemos comparar prezos e mercar cando queiramos, porque aforramos tempo e, probablemente, cartos. Ademais, aproveitamos para conseguir produtos de primeiras marcas con cupóns desconto en páxinas como LetsBonus ou Groupalia.


