Esta semana queremos falarvos do open data. Que é? Como xa vos contamos hai tempo en Xente Dixital, é unha filosofía que busca que determinados datos estean dispoñibles para todo o mundo sen ningún tipo de licenza restritiva. O open data, ou datos abertos, está relacionado coa información que manexa a Administración e que se publica para a súa reutilización por parte da cidadanía.
Datos abertos sobre…
Xa vos falamos de abert@s, portal open data da Xunta de Galicia. Mañá faremos un percorrido por datos.gob.es, inciativa de carácter nacional que xestiona o Catálogo de Información Pública. E podedes atopar máis exemplos de iniciativas parecidas. Publícanse datos sobre información medioambiental (meteoroloxía, datos atmosféricos e calidade ambiental, recursos hídricos, etc.), xeográfica (cartografía e topografía), turística (recursos de interese, aloxamentos, estatísticas de visitantes, etc.), sobre transporte (tráfico de persoas e mercadorías, medios e redes de transporte, etc.)… Podedes consultar o tipo de datos que se publican en abertos.xunta.es.
Para que?
A apertura de datos públicos faise cun doble obxectivo, social e económico. As distintas administracións poden empregar estes datos públicos para adaptarse ás demandas da cidadanía e mellorar a prestación de servizo público. Por outra banda, favorécese a optimización de procesos da Administración e modéranse os custos, foméntase a participación do sector privado para acadar fins públicos, e impúlsase o mercado de reutilización para xerar servizos e funcionalidades novas.
Esta semana atenderemos ademais ás tendencias actuais en open data e buscaremos exemplos interesantes de reutilización. Algunha idea?


