Dynatrace, empresa especializada en rendemento dixital, vén de publicar un estudo que revela datos como que o 65% dos usuarios deixan de usar unha app tres meses despois de instalala. O éxito dunha app mídese pola retención (tempo que un usuario ten instalada a aplicación no dispositivo) e uso (número de veces que se usa); segundo Dynatrace un smartphone ten instaladas unhas 65 apps de media das que se usan 15.
Por outra banda, o informe asegura que para que unha aplicación poida chegar ao 80% do mercado, os desenvolvedores de software teñen que optimizala para máis de 150 tipos diferentes de dispositivos, o que require un investimento importante.
Empresas mobile friendly
O estudo tamén revela que só a metade das empresas que están na rede dispoñen dun sitio móbil optimizado e só o 21% conta con sitio móbil e app. Hoxe é obrigatorio adaptarse aos usuarios en mobilidade que son cada día máis esixentes. Sabiades que esperamos un máximo de 3 segundos para que se cargue unha web móbil antes de abandonar?
En que escenario nos movemos? Nos últimos anos multiplicouse o uso de liñas móbiles de internet. Adicamos catro veces máis tempo a navegar dende o móbil ou a tableta que dende o ordenador e o 67% comezamos nun dispositivo e rematamos noutro. Para o 2017 agárdanse máis de 200.000 millóns de descargas. Ter un sitio web adaptado aos dispositivos móbiles é obrigatorio; a aplicación require un investimento maior pero só é necesaria nalgúns casos.
Fonte: ticbeat.com.



