A semana pasada adiantabámosvos algúns dos datos do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”, publicado recentemente polo Osimga. A principal conclusión é que Galicia reduce a fenda dixital nos principais indicadores de equipamento e uso das TIC. Hoxe atenderemos aos datos de fogares con ordenador, internet e internet de banda larga. O mércores saberemos que uso fixemos das TIC no ano 2013.
Ordenador
Continúa a evolución positiva na presenza de ordenadores nos fogares galegos: 70 % no ano 2013, o que supón un crecemento do 4% respecto ao 2012. Inflúe, por exemplo, o tipo de hábitat: 78,2% de fogares con ordenadores en concellos de máis de 50.000 habitantes e 53,1% nos de menos de 5.000 habitantes. O dato tamén está relacionado co número de persoas no fogar, o volume de ingresos e se hai nenos ou non; nos fogares con nenos en idade escolar a presenza de ordenadores é do 89,6%, mentres que nos fogares sen nenos redúcese ata o 64%.
Internet
En canto á contratación de internet, en Galicia pasamos dun 56,3% de fogares con internet no 2012 a un 65,9% no 2013. Como no caso de fogares con ordenadores, a porcentaxe de fogares con internet aumenta a medida que o fai o tamaño do concello. Chama a atención que as provincias de Coruña e Pontevedra sitúanse por enriba da media galega; 69,2 % e 66,9% para Coruña e Pontevedra, e 61,1% e 56,1% para Lugo e Ourense respectivamente.
Internet de banda larga
Un 65,3% dos fogares galegos teñen contratado internet de banda larga. O acceso a esta tecnoloxía incrementouse un 23% no período 2012-2013; nos últimos 5 anos duplicáronse os fogares galegos con internet de banda larga contratada. Neste caso inflúe especialmente o tipo de hábitat: 73,9% de fogares con internet de banda larga en concellos de máis de 50.000 habitantes. De novo, inflúen os ingresos e a presenza de nenos. Queres acceder ao informe completo?




