Volvemos a consultar o “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”, publicado hai uns días polo Osimga. Desta volta atendemos ao uso que facemos os galegos das TIC.
Uso do ordenador
O 64,1% dos galegos utilizaron o ordenador nos últimos tres meses do 2013, un 7,2% máis que no 2012. Entre o 2008 e o 2013 o crecemento foi dun 27,4%; 18,2% para España e 15,2% para Europa, o que significa que se estreita a fenda coa media estatal e europea.
O uso do ordenador está moi determinado pola idade: 96,5% para mozos de entre 16 e 25 anos, e 14,8% para persoas de máis de 65.
Uso de Internet
Un 64,8% da poboación galega utilizou internet nos últimos tres meses do ano, o que significa un crecemento dun 12,9% no período 2012-2013. Volvemos a filtrar os datos por idade e vemos que os mozos galegos sitúanse por enriba das medias estatal e europea cun 97,5%. Chama a atención, que o uso da rede entre as persoas de entre 55 e 64 anos incrementouse un 26,5% respecto ao ano 2012.
Tamén inflúe a convivencia con nenos. Nos fogares nos que residen nenos de entre 3 e 16 anos, o uso de internet elévase ata o 78,7%, 18,8 puntos máis que nos fogares sen nenos en idade escolar.
Por último, destacar que un 25,1% da poboación galega adquiriu algún ben ou servizo nos últimos tres meses de 2013 a través de internet.
eAdministración
En canto ao uso da administración electrónica, o 49,3% da poboación que se conectou no 2013, interactuou coas AAPP para enviar formularios cumprimentados, cun crecemento do 166,5% no período 2008-2013. Na seguinte gráfica vemos, por exemplo, a evolución do dato do número de persoas que interactuaron coa Administración na rede para descargar formularios.




