A finais de setembro saltaba á actualidade a controversia xerada pola publicación do libro Atrapados, de Nicholas Carr. Trátase dun ensaio no que Carr volve a reflexionar sobre as consecuencias nocivas do uso da tecnoloxía (xa o fixera no 2012 na obra Superficiais). Mercedes Cebrián en El País analiza o libro e tranquilízanos antes de que afrontemos a súa lectura.
Para advertirnos dos perigos da automatización, o autor comeza repasando outros discursos similares dos séculos XIX e XX e lémbranos que o medo aos avances tecnolóxicos non é novo. A súa preocupación, como nos indica Mercedes Cebrián é ética: el é usuario das novas tecnoloxías pero teme que deixemos de sentir as ferramentas tecnolóxicas como unha parte de nós e nos volvamos os seus escravos. Ademais considera que a suma ser humano máis tecnoloxía pode dar como resultado a perda de algunhas capacidades que transferimos aos dispositivos tecnolóxicos.
Para Carr o valor dunha ferramenta non é só o que é capaz de producir para nós senón o que produce en nós.
Despois da publicación de Atrapados, El País buscou a opinión do experto en novas tecnoloxías Enrique Dans. Dans publicou un artigo titulado “Non, Nick, aínda non chegamos”, no que rebate (non é a primeira vez que o fai), os argumentos de Nicholas Carr. Considera que aínda estamos a vivir a primeira parte da interacción entre ser humano e máquina e que os efectos que Carr teme maniféstanse ao longo do tempo. A tecnoloxía sofre un proceso de cambio contínuo e a súa interacción coas persoas redefínese constantemente.
Podedes botarlle un ollo ao artigo completo de Enrique Dans aquí e participar do debate.
Un neno que copia un traballo na rede fai un uso incorrecto da tecnoloxía pero, temos a capacidade de ensinarlle a tirar proveito dos avances tecnolóxicos para a súa aprendizaxe?


