As tecnoloxías da información e da comunicación transformaron o sector turístico nos últimos anos. Amadeus (empresa provedora de tecnoloxía para a industria das viaxes) presentaba o ano pasado o estudo “Del caos a la colaboración” no que se analiza o cambio impulsado polas TIC no turismo.
As axencias, os destinos turísticos, os viaxeiros…, móvense agora nun entorno colaborativo motivado polo crecente uso das TIC; antes de viaxar compartimos informacións e opinións, e as axencias, os hoteis…, comunícanse directamente cos seus clientes para coñecer dúbidas, necesidades e intereses.
O estudo chega a 6 conclusións interesantes que paga a pena repasar:
- A xeración da experiencia de viaxe. Os dispositivos móbiles intelixentes e tecnoloxías como a realidade aumentada, que nos permite interactuar co destino que visitamos a través do móbil ou da tablet, están a transformar a experiencia de viaxe. Información, eventos, opinións de restaurantes…, na palma da man.
- Tránsito automático. Dentro de non moito xa non haberá que facturar nos aeroportos ou nas estacións de tren. Tecnoloxías como os chips, os lectores de pegadas dixitais a distancia ou a tecnoloxía NFC, cambiarán e acelerarán o tráfico de persoas.
- Pago con memoria. Todos os pagos que fagamos nunha viaxe formarán parte da nosa “historia dixital”. Estes rexistros intelixentes de pasaxeiros poderán servir para ofrecer servizos personalizados.
- Recomendacións intelixentes. Cada vez viaxamos máis informados por amigos ou comunidades de usuarios nas que confiamos. Coñecedes TripAdvisor? Pronto vos falaremos desta rede social para viaxeiros.
- Eliminación do estrés da viaxe. Podemos conseguilo grazas aos billetes intelixentes ou a aplicacións móbiles creadas, por exemplo, para controlar a nosa saúde ou a seguridade no fogar.
- Turista de negocios. Perfil ao que responden os viaxeiros incapaces de desconectar do traballo ou profesionais que viaxan a miúdo, que demandan servizos adaptados ás súas necesidades. Cantos de vós poderiades traballar sen conectarvos á rede?


