A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicaba en novembro a resolución da convocatoria dos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica, e de innovación didáctica no ámbito da formación profesional. Pódense presentar solicitudes ata o día 24 de decembro e o desenvolvemento do proxecto deberá realizarse ao longo do 2016.
Esta terceira edición está dotada con máis de 250.000 euros. O obxectivo volve ser afondar nas iniciativas innovadoras en torno á FP, no traballo colaborativo e na transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades.
Valoraranse os proxectos nos que se fomente a colaboración de profesores e alumnos dos centros de formación profesional con empresas e institucións da súa contorna, e con outros centros. Tamén se terán moi en conta as iniciativas que impliquen unha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e a inserción laboral.
Os proxectos deben adecuarse a unha das dúas modalidades: innovación tecnolóxica ou científica –iniciativas orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre centros e contorno produtivo, buscando mellorar a inserción laboral do alumnado–, ou innovación didáctica –proxectos destinados á introdución e aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller–.
Requisitos
Nas dúas modalidades, a solicitude ten que ser presentada por un centro de FP que actuará como coordinador. Ao ser un proxecto colaborativo ten que haber dous participantes como mínimo. Figurarán como socios outros centros de FP, entidades ou empresas a nivel autonómico.
O plan, que se desenvolverá durante o 2016, non pode superar os 40.000 euros de orzamento. Podedes consultar todos os detalles da convocatoria aquí.


