Tedes ou probastes algunha pulseira intelixente? Sony vén de dar un paso máis con Smartband2, pulseira que pronto poderedes conseguir por uns 120€. Que servizos nos ofrece?
A nova pulseira de Sony permite monitorizar os latexos do corazón para ter información máis exacta sobre a nosa saúde e a actividade física que realizamos. A través da aplicación Lifelog podemos controlar os avances relacionados coa forma física, facer comparativas, etc.
As pulseiras intelixentes son útiles para mellorar e controlar a información que nos dan apps como Lifelog. O acelerómetro e os sensores que incorpora para medir o ritmo cardiaco traballan conxuntamente para monitorizar o pulso do usuario durante todo o día, detectando incluso niveis altos de estrés.
Por outra banda, a pulseira avísanos mediante vibración ou luz de chamadas e mensaxes recibidas no móbil e podemos controlar a música do smartphone ou a tableta. A batería pode durar ata 2 días.
Competencia para Fitbit?
Fitbit copa máis do 30% do mercado deste tipo de dispositivos. O vídeo é dunha das súas pulseiras, a Charge HR que podedes conseguir por menos de 150€ e que nos permite monitorizar a actividade física durante todo o día, consultar estatísticas, recibir notificacións de chamadas se temos o teléfono preto e que conta cunha batería que dura entre 7 e 10 días.
Con cal vos quedades? Resúltanvos dispositivos útiles?
Fonte: ticbeat.com.


