No primeiro semestre do ano arrancará en dúas localidades costeiras a pilotaxe do Proxecto Videoguard. Impulsado pola Xunta, trátase dun sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo furtivos. Estará a proba ata finais de ano e aproveitaranse as infraestruturas de telecomunicacións xestionadas polo operador público Retegal, dependente da Amtega.
O proxecto conta cun investimento de 1,8 millóns de euros e está financiado con fondos do programa Interconecta, a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI. Está desenvolvido por un consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coreiman, Bastet Ingeniería, TRC, Retegal e o Centro Tecnolóxico Gradiant; o mércores falaremos coas empresas participantes sobre a súa participación en Videoguard.
Funcionalidades
O sistema permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías e persoas en zonas de praia, rochas e bateas, polo día e pola noite. Está deseñado para dous posibles escenarios: un de curta distancia, con estacións de videovixilancia situadas a menos de medio quilómetro das embarcacións e das persoas, e un escenario experimental con estacións a unha distancia de entre 5 e 10 quilómetros da costa para o que se empregarán as torres de telecomunicacións de Retegal.
Videoguard grava as imaxes, analiza a información e, ante a detección dunha infracción, traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles. Por outra banda, o proxecto garante o respecto á privacidade requerido pola LOPD na monitorización e procesado de vídeo en espazos públicos; empréganse técnicas de ocultación selectiva que permiten recoñecer unha infracción sen identificar á persoa que a comete. A identificación pode facerse por parte de persoal autorizado.


