Defínese videoxogo como ‘xogo electrónico interactivo que se visualiza nunha pantalla e que lle permite, a un ou máis xogadores, simular distintos xogos e pasatempos’. Faltaría engadir ‘de distintos temas e para todas as idades’. O estereotipo de usuario de videoxogo no que estades a pensar pode cambiar despois de facer un repaso por algúns dos xéneros máis populares.
Aventura
É un dos xéneros clásicos. Nos videoxogos de aventura, o protagonista ou protagonistas teñen que avanzar na trama interactuando con distintas personaxes e obxectos, e resolvendo situacións máis ou menos complicadas. Uncharted, Tomb Raider, The Legend of Zelda ou Prince of Persia, son algúns dos máis populares.
Educativos
Son a proba de que os videoxogos poden formar parte do noso tempo de ocio e estudo a un tempo. Nesta categoría destacan, e case merecen xénero propio, os de axilidade mental; enfróntannos a retos matemáticos, lingüísticos… Xogastes algunha vez ao Brain Age ou ao Brain Academy?
Estratexia
A maioría son videoxogos de batalla con escenarios históricos nos que temos que avanzar manexando un grupo numeroso de personaxes, facendo uso de distintas ferramentas e acumulando e xestionando información relevante. Seguro que coñecedes xogos como o Age of Empires ou o Empire Earth.
Plataformas
Pode que non coñecésedes o xénero pero seguro que xogastes, entre outros, ao Super Mario ou ao Sonic. Trátase de correr, saltar, escalar…, recollendo premios e esquivando ou eliminando inimigos. É un dos xéneros máis veteranos.
Deportivos
Son videoxogos sobre fútbol (Fifa Series, Pro Evolution Soccer, etc.), tenis (Virtua Tennis), baloncesto (NBA Live, NBA 2K, etc.)… Sen esquecer o subxénero das carreiras; podemos revivir os mundiais de motociclismo ou Fórmula 1 gracias á videoconsola.
No lineal
Imaxinades un mundo virtual onde escoller a onde imos e interactuar con case todo o que queiramos? Neste xénero destacan por popularidade e ventas, xogos como o Grand Theft Auto, Driver ou Assassin’s Creed.
Antes de mercar botádelle un ollo á inmensa lista de xogos á venta e buscade o que máis vos interese. Coñecedes o sistema PEGI?, este venres falámosvos deste sistema de clasificación de videoxogos por idades.







